luns, 13 de xaneiro de 2020

BEXO E A ERMIDA DE SAN AMARO

          

“ O vello río da aldea,
madrugador e gaiteiro,
trenqueando os brancos zocos
vai á misa co luceiro “.
(L.Amado Carballo)

Disposta nunha atalaia natural, na aba do monte Carboeiro, testemuña privilexiada do camiñar maino do 
río Ulla. O viaxeiro atopa a aldea de Bexo -ou mellor, Vexo- no vendaval da parroquia de San Xoán 
 de Laíño, unha das tres que conforman o concello de Dodro.

Dende sempre, tránsito obrigado a Padrón e Santiago, e senón que llo pregunten ó vello Camiño Real, do que aínda quedan moitos relanzos comestos polas lamias dos carros. Hoxe as pistas de terra da Forestal acurruchárono para sempre, mentres agarda que algún estudioso rescate o seu valor histórico-económico, perdido na noite dos tempos.

Por aquí pasaban as peixeiras e arrieiros, logo de atravesa-la raia fronteiriza da Paradegua, liña divisoria entre concellos; pero que, na realidade separaba dous mundos, dúas maneiras de entende-la vida, o mar e a montaña, a xente da braña e os pescos.

Monte da Paradegua -parada das eguas- sempre ó axexo das brétemas mañanceiras e acugulado de lendas e historias certas, entoldado polos “paseos” e achádegos nas cunetas, triste lembranza da guerra civil.

Rinchaban os eixos dos carros ó compás do bafo da parella de bois e, de cando en cando, o chío do miñato poñía o contrapunto, arrolado polos carballos e piñeiros. 

Bexo, lugar de paso e vistosa paisaxe, nunca foi sitio de comerciantes, xa que a puxante vila de Padrón ó norte e a dinámica Vilagarcía de Arousa, na marxe esquerda da ría, sempre lle puxeron couto a un desenrolo que, todo o máis, estancou nas tendas de ultramarinos ou nalgunha casa de comidas, parada obrigatoria para colle-los folgos precisos, antes de encararse coa tremenda encosta da Paradegua. 

Aínda que houbo un tempo en que apareceu unha puxante actividade económica, consecuencia do grande pulo do sector da construción, falamos dos areeiros do Ulla, a vida da aldea sempre xirou ó redor de dous mundos, a riqueza forestal do monte Balouta e as ricas terras da veiga do Ullán. O primeiro deles máis promesa ca realidade, foi durante moitos anos pasto de ovellas e vacas, que pacían ás súas anchas nas abas do monte, tripando toxos e manténdose con carrouchas e queirogas. Logo, veu a repoboación forestal, na que participaron os veciños a cambio dun xornal de miseria e que encheu o monte co verde escuro dos piñeiros. A riqueza forestal coa produción de madeira nunca chegaría a repercutir nas economías devaluadas dos veciños de Bexo, limitándose ó aproveitamento da leña para as novidosas cociñas económicas.

A veiga foi sempre a despensa da aldea e a que mitigou as fames da posguerra. Sementábase o millo e o centeo que campaba fachendoso nas searas, tamén algo de liño e plantábanse patacas e legumes. Nas hortas e cortiñas, os bacelos enchían as adegas de viño e poñían a nota de ledicia no corazón dos veciños, cando chegaban as festas patronais e tamén, nas fatigosas xeiras do mes de maio.

Historicamente non figuran datos de interese, a parte da mención ó Camiño Real e das liortas que os piratas organizaban na subida do Ulla, na procura dos estaleiros de Iria Flavia, o porto de Copmpostela. As catro casiñas terreñas, coa mampostería ó vento, non espertarían a cobiza daqueles intrépidos navegantes que tiñan ben claro o seu obxectivo bélico, as riquezas da curia arcebispal.

A pouca distancia da aldea, as impoñentes moles das Torres de Augusto -o Castellum Honesti- vixiaban as mansas augas do Ulla alertando cando albiscaban as ameazantes proas das naves inimigas. Pero, non todo eran liortas e destrucción, pois por estas terras din que pasaba xa, a calzada romana do emperador Antonino “per loca marítima”, carrexando o estaño e o volframio da Barbanza.

Ben arroupada por un pequeno fato de casas, algunha ben cangada de anos, érguese a ermida de San Amaro, construción que non se diferenciaría das demais, de non ser pola sinxela espadana rematada en cruz, na que pendura unha pequena campá. Poema de granito e bronce, baixo da súa chamada desfilan os fregueses, continuadores dunha tradición secular da que non posuímos datos históricos obxectivos. Non temos constancia da existencia de datos fundacionais nos libros do arquivo parroquial e algún estudoso, tal é o caso de Avelino Abuín de Tembra, aventura a teoría de que ben puidera ter sido un cenobio monacal do século XVII, ó redor do que nacería unha pequena comunidade veciñal. 

A ermida, que lle acabou dando nome ó lugar - a Ermida- está desprovista de toda clase de ornamentación e, pola súa mampostería, todo apunta a pensar que foi obra de canteiros aldeáns, sinxelos e duros coma a pedra que picaban. Non hai pretensións arquitectónicas o que, en contra de ser unha nota negativa, conseguiu a harmonización total entre o lar e o altar, a pedra sacra e a lareira familiar, o edificio relixioso e o entorno de casas, coa mesma pedra e os mesmos tellados.

Dende aquela, debeu sufrir importantes modificacións na estrutura, figurando documentalmente unha importante reparación na década dos anos vinte, concretamente en 1921. Os muros foron caleados para darlle unha maior claridade e contribuír ó seu adecentamento. Tamén se lle dotou dunha tribuna de madeira de carballo, con balaústres de castiñeiro, mercándoselle a madeira ó Ferrancheiro de Padrón. Dende ela, os homes podían segui-los actos relixiosos. Como a campá estaba choca, máis tarde foi substituída por unha nova. Tamén se lle deu máis altura, arredor de un metro, e como non chegaron os cartos recadados na aldea, vendeuse un agro, propiedade da ermida. Aínda hoxe hai leiras de monte pertencentes ás “Ánimas da ermida”. 

No seu interior consérvanse as imaxes de San Pedro, en pedra policromada, e de San Amaro, o patrón xunto coa Virxe de Belén. Ó longo dos tempos, os veciños tiveron que asumir posturas de forza diante de intentos de vender algunha destas imaxes pétreas, de grande valor artístico e sentimental.

O crego da parroquia, a cambio de cargas de millo, viña a dicir misa unha vez por semana, aínda que as celebracións solemnes e os actos fúnebres sempre tiveron lugar na igrexa parroquial de San Xoán de Laíño. A contribución ó crego consistía en 1 ferrado de millo por veciño rico e ½ ferrado se era pobre. Tamén se lle daban 4 ovos por familia, no tempo da Cuaresma, e cada matrimonio pagaba un real de oblatas.

Celébranse as festas de San Amaro, patrón de Bexo, e da Virxe de Belén, no mes de xaneiro, cando aínda as xeadas campan pola bretemosa veiga do Ulla. Hai misa solemne e procesión, na que os cregos e gaiteiros -ás veces, mesmo unha banda de música- saen da ermida e percorren a aldea, con centro en Chan de Viñas, mentres a campá repica ata o esgotamento e os foguetes estalan no sol do mediodía. Todo un espectáculo aldeán, pola sinxeleza e inxenuidade do cortexo, no que os veciños son os auténticos protagonistas, nunha mestura de relixiosidade e diversión festeira.

No verán do ano 1992 vén de facerse a última reparación, polo de agora, na que se lavou a pedra a base de modernas técnicas de chorros a alta presión (moi discutible este sistema en construccións seculares, como é este caso, xa que a pedra sofre unha erosión equivalente a moitos anos á intemperie). Tamén se encintaron as pedras cunha mestura de barro e cemento (tradición e modernidade) e lle renovaron o vello tellado, colocado sobre trabes de formigón armado, incorporando como novidade un pequeno desnivel que semella, dende o exterior, unha ermida con dous corpos diferenciados.

A restauración tamén lle chegou ós vellos azulexos brancos que campan sobre a porta lateral, onde se pode ler en grafía azul: CAPILLA DE SAN MAURO 7. O número ten que ver co catastro municipal e a denominación responde a tempos da dictadura, cando aquela nefasta teima de castelanizar tódolos nosos topónimos. Foi mágoa que no intre da restauración, se desaproveitara unha ocasión histórica para restablece-la única denominación auténtica de ERMIDA DE SAN AMARO, que por algo o lugar onde está enclavada sempre se chamou “A Ermida”. 

As reformas tamén lle afectaron ó interior, consistindo no repintado das paredes, en cor branca, e no reforzamento da tribuna cunha trabe de formigón, recuberta logo de madeira para sintonizar coa decoración do recinto relixioso.

Ata aquí o pequeno percorrido pola nosa aldea con parada e demora nesa pequena construción da Ermida de S. Mauro, orgullo de todos nós e motivo destas festas que agora gozamos. 

Saúde. 

X. RAMÓN BREA REI A Ermida de Bexo, 1996

luns, 1 de xaneiro de 2018

A fibela de Tunisia


A fibela de Tunisia

Fora nun zoco de Tunisia. Procura do souvenir que manteña aberta a lembranza daquela viaxe polo Mediterráneo. Cruceiro que zigzaguea dunha banda noutra do “Mare Nostrum”. De África a Europa e tiro porque me toca. Talmente unha partida de parchís na que os dados sempre están marcados polo tafur do destino.

As ruelas enguedéllanse e pensas que te vas perder, que non serás quen de desandar os pasos. Mundo de cheiro a especias, suor e sempre homes por todas partes. U-las mulleres? Invisibles, coma xa viras no Gran Bazar de Istambul.

Ábrense as tendas á procura do turista coma un náufrago se aferra á táboa que flota no naufraxio. E alí está na parede do fondo. Non se sabe se forma parte da decoración da tenda ou é un obxecto á venda. Esa reflexión só a pode facer un occidental cheo de romanticismo. Nun zoco árabe todo está á venda, mesmo a sombra sinistra do vendedor.
Arrímaste a ela para ollar o detalle da orfebrería, a curva do metal. Dixéronche que era unha fibela, un obxecto ornamental coa súa utilidade na vestimenta, a de recoller os pregues da túnica. Era ben fermosa e, coma nunha revelación, soubeches que viñas de atopar o chanzo que ataría a viaxe, para sempre, coas terras áridas e exóticas de Tunisia.

Agora, dende a cama, mentres escribes con letra miúda os recordos grandes de viaxes que che marcaron co ferro do descubrimento, observas na penumbra a figura triangular, xeométrica, da fibela que se nega a morrer, erguida, a xogo co orgullo africano das caravanas bérberes. E gustas de pensar que, quizais algún día nun tempo pretérito, brillou sobre a túnica azul dunha fermosa hurí de rostro afiado, ollos gacios e corpo de gacela amedrentada. Tiña a fermosura do exótico, do alleo á nosa cultura, do encontro fortuíto nunha tenda entre centos de tendas a onde te arrastrou a premonición ou o azar das encrucilladas reviradas da vida.

E a ti gustábache pensar que, pendurada da parede, a fibela quería contar a súa historia de sede e area, un fermoso romance afogado na tristura da eterna ausencia. Gustábache pensalo, si, porque hai obxectos, case reliquias, que necesitan dun complemento directo que lles poña enriba o contrapunto dunha historia, dunha novela envolta en turbantes e cabalos brancos cun fondo de haima bérber.

E alí permanece, allea aos balbordos e reflexións intimistas, impasible, pendurada dun fondo de misterio a ollarme cómplice e recatada, dende hai anos, a agardar a voz que saiba contar os segredos que dentro garda. Alí segue a fermosa fibela do zoco de Tunisia.      
   X. RAMÓN BREA REI                                                              

luns, 4 de xaneiro de 2016


TRÍSCELE  COMPOSTELA

            Redescubrir Compostela unha mañá baleira, asolagada de brétema e orballo. E os pés van de seu a rúas, prazas e recantos que os ollos esqueceran hai ben de anos. Granito gris e o sol da mañá de agosto que comeza a pór cadros e imaxes no seu sitio. Alí están os aleiros e brasóns das Casas Reais a retomar a perspectiva dos vellos mestres canteiros. De novo, sorpréndome cos espazos que endexamais reparara; aínda que sempre estiveron alí.
 
Dende a praza de Mazarelos, coa igrexa da Universidade vista a través dos ollos dunha parella de estudantes estranxeiros que acenan e miden coas mans os contrafortes da pedra monumental. En Cervantes, o sol xa se fai dono da cidade e chego á igrexa das Ánimas, sempre a ollar a rúa e da que saen, de súpeto, unha grea de turistas coa faciana aberta dos que admiran a arte e o pouso cultural de Occidente.

 
 
Pola Porta do Camiño soben riadas de peregrinos que veñen da rúa de San Pedro, últimos banzos do Camiño Francés que se estira no tempo e no corazón. Déixome arrolar pola serenidade e o encanto da praciña que mira para San Domingos de Bonaval e os bancos pintados de verde senten o agarimo das pombas, a peteirar migallas de tempo con xubilados de fondo. Esperta a cidade co balbordo do tráfico e os berros de ledicia da rapazada de báculo e mochila.



 


 
 

Bate o sol nos tellados medievais, salferidos de chemineas señoriais, símbolo do poderío e da fartura doutro tempo. As rúas collen o ritmo cotián no acento plurilingüe do azul que atafega a mañá. Contraste multicolor de xentes, autos, toldos, escaparates, sinais, anuncios,...; pero sempre por riba, poñendo o pano de fondo á paisaxe, o gris do granito que hoxe non é chumbo, senón historia, nostalxia, medievo, Xelmírez, luz que escorrenta sombras.


 
Sempre Compostela nos ollos e na alma, eterna e igual a si mesma. O Partenón fisterrán a perpetuar a grandiosidade dunha época que se proxecta cara o futuro, con nova cara e coa mesma cara, no paradoxo das urbes que souberon acadar o arrecendo e o equilibrio da eternidade, granito de lousa e voluta espiral no tríscele do tempo.

             (Compostela, agosto de 2000).
 
  
X. Ramón Brea Rei (Texto e fotos)

xoves, 28 de novembro de 2013

Reencontro con "Resistencia", da man de 1º Bacharelato

Xa choveu dende que sentira un nó na gorxa, sentado no asento traseiro do coche de Filipa. Apuro a mente e tento que as súas vidas non se bifurquen: Dinís, coa cana de pescar sargos no cantil de San Pedro de Moel e Filipa, renegando da súa patria lusa.

Esta novela de Rosa Aneiros (Premio Arcebispo Xoán de San Clemente, 2003).contada coa técnica da analepse (flash-back), cóntanos a experiencia dramática duns personaxes marcados polo amor e a represión da ditadura de Oliveira de Salazar, no Portugal previo á revolución dos caraveis (25 de abril de 1974).

San Pedro de Moel, no Portugal da zona de Leiría, Alcobaça, Nazaret e cunha presenza minuciosa da península de Peniche e o seu cárcere, emblema da ditadura salazarista. A través dos personaxes da pesca Isaura e o seu amor secreto, António Gonçalves, a autora vai tecendo unha historia de amor e paixón agachados, ao redor do Pinhal do Rei e da Real Fábrica de Vidros de Guillerme Stephens.

O nacemento do fillo Denís vai continuar a saga familiar, entre amores agachados tamén, coa presenza de dúas clases sociais afastadas que non acabarán de encontrarse na felicidade buscada. Ela, a Filipa, estudante dunha acomodada clase burguesa establecida en Coimbra. El, Dinís, fillo de solteira, rapaz ilusionado que participa na guerra colonial de Mozambique e, máis tarde militará no clandestino Partido Comunista portugués, que o levará durante anos ó cárcere de Peniche e a non volver saber da súa amada.
(...)

Lectura que arrastra na procura do final que desvele o malentendido e o reencontro dos namorados, que vén sendo tamén o reencontro do novo Portugal coas clases traballadoras que durante séculos sufriron a represión e a miseria da ditadura. Mais, velaí, que o final deixa un sabor agre de frustración, de non saber , de agachar as intencións e o lector séntese perdido e baleiro.

Quizais a literatura non debería estar por riba dos sentimentos, da realidade e dos finais que desexamos. Chegado aquí, teño a sensación de que Rosa Aneiros, unha vez máis, se deixou levar pola doenza da escritora “orixinal”, que leva o diferente ata o punto de roubarnos o final.


Os lectores teñen dereito a un final, a pechar o círculo da historia, a gozar coa ledicia do reencontro ou a tremer co suplicio da eterna separación; pero, síntome defraudado, case molesto. Mágoa que unha novela literariamente impecable se bote a perder por un final “orixinal”, covarde e fuxidío: Que vai facer Filipa? 

Final aberto e historia incerta para que o lector pase el o traballo de recompoñer o puzzle no que as pezas queiman coma o lume nos dedos.



 
(O Portugal da novela)                                                        (San Pedro de Moel, o escenario)




martes, 27 de abril de 2010

Bulnes, Asturias



Parafraseando a Novoneyra en "Os Eidos"; "Aquí séntese ben o pequeno que é un home"

mércores, 19 de novembro de 2008

MANDA TESTAMENTARIA PARA QUE GALICIA VIVA

En galego, agora e sempre, AFNL, 2008
 
Este libro recolle mandas testamentarias de veciños do concello de Vilagarcia, moitas coñecidas e outras persoas anónimas. O que se pretende con este libriño,  que foi distribuido por moitísimos concellos do noso País chegando polo tanto a moitísimas familias,  é protexer os nosos dereitos lingüísticos e incentivar á sociedade a que demande das notarías o testamento na nosa lingua. As mandas testamentarias recollidas neles conteñen unha parte importante dos afectos e sentimentos que se queren transmitir aos herdeiros e a obriga de dar cumprimento ao desexo de administrar o patrimonio común: a lingua e a cultura de Galicia.
 
 
 
"Manda testamentaria para que Galicia viva", X. Ramón Brea Rei

É a vontade deste testador que, xunto coa casa familiar da Cortiña Angueira e as hortas, parras e toxeiras que a rodean, os meus fillos Tamara e Lois reciban en herdo a ledicia cantareira do val do Ulla –para nós o Mar Vello- a presenza amiga do castiñeiro do Souto, as corredoiras da veiga e os muíños que aínda ecoan o espírito dos devanceiros.

Pídolles que manteñan o amor pola vida rural, garante do cerne galego: as xuntanzas no quinteiro, o barullo da eira da malla,a fogueira de San Xoán, as romarías, os contos de lareira, o viño a ferver nas tinallas, os hórreos acugulados do amarelo do millo e o aturuxo que reivindica a cultura popular.

Porén, quero engadir como manda final que todo o dito non terá razón de ser sen a fala galega; velaí que antes de me perder no remuíño de sombras, quérolles deixar a alma das cousas, as palabras que nomean e identifican séculos da nosa historia: as que dormen nos vellos pergameos e as que rachan o silencio dos vales ou baten nos cons da Arousa.

Que a lingua vos acompañe a vós e ós vosos descendentes nas alegrías e nos sufrimentos, viva, amorosa, eterna coma as pedras da ermida do Santo Amaro que comparten veciñanza coa casa patrucial.

X.R.B.R., 2008.
I.E.S.“Miguel A. Glez. Estevez”, O Carril (Vilagarcía de Arousa).

venres, 11 de xullo de 2008

BEXO E O CANCIONEIRO POPULAR DO ULLA



O Curral, Bexo (Dodro)                     Foto: X.Ramón Brea
Se hai unha mostra auténtica da capacidade creadora das nosas xentes e da sensibilidade para reflectir os estados de ánimo e interpretación da realidade, esa é a cantiga popular. Os homes e mulleres das aldeas de Galicia, portadores inconscientes do noso espírito popular, foron transmitindo de pais a fillos e de xeración en xeración todo un caudal riquísimo de cantigas, lendas, contos, adiviñas, refráns,..., que constitúen unha valiosísima achega ó acerbo cultural da nosa literatura popular de transmisión oral. Do mesmo xeito que un canteiro fai un cruceiro ou un oleiro os seus cacharros de barro, así os artistas anónimos das aldeas de Galicia foron vertendo no molde das estrofas octosilábicas, toda unha maneira orixinal de ver a vida e o mundo pechado dos nosos pobos.

É precisamente ese mundo aldeán -onde as relacións veciñais de axuda e solidariedade son unha constante- o berce das cantigas cheas de graza e espontaneidade, ima“Sempre en Galiza”:

“As casas aldeáns, espalladas, forman un grupo natural de poucos habitantes, chamado lugar. Alí son veciños de verdade: préstanse lume, axúdanse, aconséllanse, consólanse, berran e rifan. Nas cartas dos ausentes veñen sempre memorias para tódolos veciños do lugar”
Pois ben, de todo este tesouro da cultura popular hai innumerables mostras en toda a veiga do Ulla e vai ser a aldea de Bexo unha das que manteña máis viva esta tradición secular. Son referencia obrigada entre os estudosos dos cancioneiros populares, dúas mulleres de Bexo que gardaron coma ouro en pano a memoria da nosa máis xenuína tradición popular: Manuela Núñez e Concepción Pérez.

As cantigas recolleitas seguen a métrica popular e constan de catro versos octosilábicos, con rima asonante ou consonante nos pares. A temática é moi variada, dominando sobre todo as cantigas amorosas e de vodas, nas que xunto á graza e espontaneidade populares, non podía faltar o humor:

Meniña, ti dóenche os ollos,
tamén che me doen os meus,
ímolos lavar ó río
onde a troita lava os seus.
Fonte de Chan de Viñas, Bexo (Dodro)        Foto:X.Ramón Brea
Fostes falar mal de min
a quen tanto me quería,
a ti todo cho aceptaba
a min todo mo dicía.

 
As relacións veciñais e a comicidade van xuntas nesta cantiga, auténtica xoia pola súa orixinalidade:
Río Ulla, Bexo (Dodro)                Foto:X.Ramón Brea

Señora María,
reprenda o seu galo,
que das nosas galiñas
anda namorado;
e se non o reprende
tórzolle o pescozo
e despois non diga
que son o raposo.

Na seguinte mostra, hai unha clara alusión ás relacións sociais entre dous concellos limítrofes, Dodro e Rianxo, póndose de manifesto como o monte da Paradegua servía de límite natural entre dous mundos moi diferenciados: o mariñeiro da Arousa e o labrego da veiga do Ulla:

Miña nai non me casedes
da Paradegua pra abaixo
que non quero ser veciño
das peixeiras de Rianxo.

O sentimento relixioso aparece representado nas romarías, locais no caso do San Cibrán, ou dun profundo significado en toda Galicia, caso de San Andrés de Teixido. A presenza da cesta fálanos do xantar na carballeira, complemento obrigado de toda romaría que se prece e o mar fala do río Ulla, paso obrigado cando aínda a ponte de Catoira era unha utopía:

Tres días hai que non como,
tres días hai que non durmo,
pensando en ti, San Andrés,
que estás no cabo do mundo.

Fun a San Cibrán do Monte
cunha cesta na cabeza,
fun por mar e vin por terra,
o santiño mo agradeza.

Aínda que hai cantigas específicas de determinadas festas do ano (Noiteboa, Maios, San Xoán,...), de traballos agrícolas (sega, vendima, espadelas do liño,...), de romaría -que se cantaban camiño dos santuarios- de profesións (canteiros, arrieiros,...) ou de berce para arrolar os nenos; a maioría das composicións desta banda do Ulla tiñan un claro fin de divertimento, aparecendo en tódalas reunións da mocidade, vodas e calquera outra manifestación social de carácter festeiro e mesmo acompañadas dos instrumentos propios (pandeiro, pandeireta, gaita,..).

Como remate desta entrañable viaxe no tempo e nas lembranzas, o autor sentiríase moi ledo de pensar que nestes días de festa, en Bexo, logo do xantar e coa mornura e o labio acedo dos nosos viños do Ulla, aínda se volvan oír as cantigas de sempre e os aturuxos solidarios e farreiros. De calquera xeito, a festa debe continuar e, velaí, a mellor maneira de o lembrar:

Vou da-la despedida,
pero non é de marchar,
e por da-la pandeireta
a quen a queira tocar.


X. Ramón Brea Rei (Texto e fotos)

xoves, 27 de marzo de 2008

CONCERTO CON EVA


Intertextualidade co “Desconcerto”, de Eva Veiga.


(Poemario que a propia autora presentou na Casa de Cultura de Porto do Son, un venres, 15 de decembro do ano 2006).

E a súa presenza encheu de son a bóveda pintada por Alfonso Costa, presente tamén no acto e que lle puxo imaxes ós versos. E a poesía foi xurdindo maina, constante, coma un aloumiño de veludo ou a caricia felina dun gato de angora. E a escritura fíxose luz, oco na alma e sentimento que emociona.

Aquel encontro quedou aniñado a agardar o intre, estirado coma un fío agudo e sensible e da súa man naceron outras palabras, novas, co arrecendo do mar do Son ou quizais a sombra indelébel de Sampedro polas Furnas, tráxica e necesaria para entender a vida, para entender o destino...

A Eva Veiga


Concerto con Eva
intento por aferrarse á impenetrable e esquiva
transparencia...


na procura da Nada
iluso dunha obsesión nidia
pero o Vidro seguía alí
esluído
frío
imperturbábel.


Brañas de Laíño (Dodro)                    Foto:X.Ramón Brea


Instrumentos torpes, lixeiros,
afinados, indolentes, arrebatados,


necesarios, posibles,
polimorfos na súa esfericidade
inseguros na excentricidade da man que os manexa
Instrumentalizados.






Amo aquilo que ante o meu pensamento
rebélaseme insubmiso


Amo
a figura curva do firmamento
inaprensible e afastada
coma a furtiva
ollada da Vida.



Vou neste trebón febril
Contra os cantís do corpo.


Rompe o mar
no seixo branco dos teus pés
e respiro o fondo cheiro
dos salseiros
perdido na embriaguez
do teu corpo salgado.
Devala a túa pegada na area
e foxe a tarde.



A onde regresar?

Retornar á materia primixenia
e ser magma que flúe
po estelar en suspensión
pegada de dinosaurio
sombra escura da creación
ou sorriso de anxo...
Mellor, ser Ti.



Vaise canto amamos e non hai dedos

Escorre a vida,
remuíño en espiral que afonda
e as mans rabuñan imaxes
na procura do tempo,
a rescatar ollos
que nos amaron.
na quietude húmida dunha tarde.


Arañeira, X. Ramón Brea
 


Teño a certeza
De que toco algo que me ve.
E eu sen ollos cos que poder miralo.


¡Que ledicia saber
que aínda queda alguén
cheo de certezas!

Dáme un si sen mentiras
ou o eco da palabra sincera.
Tamén eu quero a certeza
e camiñar sen bastóns de mágoa,
saber que si hai futuro.

Texto e fotos: X. Ramón Brea Rei

xoves, 24 de xaneiro de 2008

BIBLIOFILIA, ¿FRUSTRACIÓN OU TEIMA?

Co "Sempre en Galiza"             Foto:X.Ramón Brea


"Nunha vitrina os libros novos espertando tentacións coma os escaparates de Lhardy. O libro bisté, o libro bombón, o libro sopa de rabo de boi, densa e fonda, o libro froita do tempo, o libro mostaza...
Adrián sufría de non poder debullar tódolos libros novos. Entón considerábao necesario para ser un home ó día."
(R. Otero Pedrayo, Arredor de si)

Ás veces, imaxino que os libros que estou axeitando nos andeis da biblioteca teñen vida de si. Senten frío, son capaces de sensacións, de emocionarse diante dunha noite de luar no Ulla ou, de xeito mimético, pegarse da miña eterna saudade e das moitas depresións que nesta bufarda da Cortiña Angueira se tecen.

Velaí que sinta mágoa ó velos cheos de humidade, co suave veludo do balor e, aínda máis, aqueles que non teñen a sorte de ser os meus preferidos ou non compartir as angueiras do traballo nas aulas.

¡Que fachendosos os manuais de lingua e literatura galegas! ¡Como campan con algo de soberbia o "Percival" e o "Arraianos" do mago Ferrín! Xa case non fala cos demais o "Vento ferido" do sobrio Casares e, mesmo hai unha colección de Xerais, co seu cobertor de cor indefinida, a medio camiño entre o morado e o rosa, sufrimento e sensibilidade, sangue e ollada perdida no xardín de brétema que parecen mirar cun aquel de retranca dende a súa elevada posición, atalaia máxica da cultura.

Ollan a estancia, calados e desconfiados, gardando tesouros de tinta, paisaxes inmensas alumeadas co lóstrego da inspiración. Eles saben da vida, do pracer inmenso dunha aperta namorada, da bágoa que esvara polo regueiro do corazón, da viaxe empezada e que nunca remata, de morte e angustia, da beleza equilibrada do chuchamel na primavera, dunha pinga de emoción a facer equilibrios no curuto da traxedia presentida, de onte e de mañá, da existencia e do esquezo.

E de D. Ramón a Borges, preocupación sempiterna polo futuro e o presente das ringleiras de volumes, a esbirrar de humidade, cos ollos chorosos de horizontes, agochados no “aleph” da memoria. Tamén eu sei que moitos deles nunca máis serán abertos nin aloumiñados, envexosos dunha mirada de abraio que lles devolva a razón de ser, a existencia.

Paráfrase da vida, os meus amigos bíblicos –etimoloxicamente- agardan estoicamente un sopro de vida, un refacho de sensibilidade, deixados da man lectora do seu dono, que agora –oh tempos, oh mores- se deixa engaiolar nos mundos virtuais de bitácoras blogueiras, a ensaiar acenos de complicidade coas TIC (empézase cun acrónimo e acábase nos brazos da modernidade, ¡vade retro!)

Mágoa de chuvia a esvarar polos cristais da alma. De saudades e morriñas, de libros clausurados, de blogosferas, de depresión invernal que aniña nos recantos desta aldea roubada ao tempo.

E mentres, eles agardan como a arpa de Bécquer, un sopro divino e unha man amiga que os rescate do inferno do esquecemento, do ermo da soidade.

(Texto e imaxes: X.Ramón Brea Rei)


luns, 21 de xaneiro de 2008

Con Moving Hearts, en Compostela

Non os coñecía, nin sabía da súa música. Foi en Compostela, este sábado, 19 de xaneiro, o intre do milagre, coma se dun encontro presentido se tratase, velaí estaban os 8 integrantes, aos que se uniu nalgúns temas un xenio do acordeón. Era imposible parar os pés cando acordeón e gaita soaban. Lembranzas dos filmes americanos, os sempiternos "western", nos acordes irlandeses, porque este grupo é Irlanda con maiúsculas. Forza, ritmo, percusión redonda que envolve e ergue.

Mais o mellor, quizais fose o saxo alto que campaba polo escenario, enchendo de son unha noite que cumpriu tódalas expectativas. Só faltaban os bailes tradicionais para sentirnos nos vales de Eirín e nos cantís que o mar rompe co ritmo da música. Foi unha sorte ter ido, porque esta xente non defrauda.

martes, 8 de xaneiro de 2008

DERIVA(DAS) PALABRAS




LIMIAR:

O título pretende xogar semanticamente coas dúas realidades que conforman os versos –quizais mellor palabras, na notación medieval e actual- que devalan neste poemario roubado a un tempo morto.

Son “palabras á deriva”, soltas, igual que un navío azoutado pola tempestade, sen vínculos que as amarren. Pero tamén son “palabras derivadas”, porque naceron da lectura dos versos de Claudio Rodríguez Fer, esvarando pola brancura dunha parede, talmente pingueiras de orballo dun marzo que se disfrazou de hospital, na cidade de Compostela.
15 de marzo de 2002.

E a urbe sen ubres...

Arrecendía a magnolias
chovía coraxe entre aceite queimado
e adiantaches un pé
na varanda branca e negra.
Non vin o teu rostro
pero fitei a axilidade do pé.

Despois... escachou a tarde.


Como a crina nas sabanas pardas,...

Coma un abano sen aire
descubrín o lombo arqueado daquel gato.

Coma o lóstrego que racha a noite
descubrín uns ollos esgazados no escaparate

Coma o alento dun adeus
descubrín que o sol pasara de largo
pasmado no cristal das pólas.


A longa cabeleira da lúa...

Esvaraba de tebras abraiada de noite
na redondez da eira entre os hórreos
peneira dos días fendidos.

Hai unha chambra branca a enxugar
e o negro revirou brancura de alba


Descende polos subterráneos dos suburbios...

Mentres a cidade dorme
o río do tempo escoa
polas rúas
nun naufraxio de alcohol
sen violencia.
¡Que lonxe quedou a Ría
que ría na galanura do seu traxe de illas
agasallada polo fiordo
que veu de lonxe!



Ven da curva que tornou anel de noria...

Cinguiu a súa cintura de noria
mentres os acordes do blues nostálxico
debullaban abismos nas curvas.

Soubo que a vida era unha cripta
cando o anel pousou na redondez do dedo
e xirou feita trompo
a caer na fervenza dos corpos.


Son albergues para xirafas mecánicas...

Preme co impulso do aceiro
e o ascensor baixa abalando as cadeiras
talmente un visón no seu tobo.

Entra no labirinto de portas ou rede
rumbo ó interior de espazos
que son tobos.

Sae engulida polo mecanismo da présa
axexante nos tacóns de agulla
e esváese en filigrana
cidadá de asfalto e neón.


Pasa o tempo polos bulevares

Pasa o tempo de ruada
do brazo dun vento circio
e asubía un moucho
na póla da tarde gris.

Pasa o tempo nos teus ollos
cristal cor de bágoas
e pasas sen altera-lo paso.

Pasas e todo pasa.



mércores, 2 de xaneiro de 2008

O rapaz que facía torres no ar


Era verán e o sol arrecendía a mar nas vellas corredoiras de Taramancos. Lonxe quedaba o inverno de enxurradas, días sombrizos e os salseiros a bater nas contras da casa petrucial. Lela da Pastora puxo o molido na cabeza e alá marchou facendo equilibrios co cesto de vimbios, camiño das veigas costentas. Asubiaban os merlos nas cerdeiras pintadas de vermello e chegaban voces dende unha gamela varada. Tamén os biluricos, coa pegada fuxidía da súa zancada, van peteirando o tempo entre os argazos.

Dende a fiestra, debruzado no peitoril do vello granito do Confurco, un mozote enxerga ó lonxe os roibos e amarelos daquel ceo que sobrevoa a presentida vila de Noia. Arrecende ó coiro dos zocos que van collendo forma entre as mans de tenace do vello Pontella, afeito a tomar medidas a algo tan complexo coma o pé dun mariñeiro, “fráxil e, ao mesmo tempo, forte coma un cepo". Coma se obedecesen unha orde secular, a aldea ferve cos trafegos de cotío e ninguén ten tempo para soñar. ¿Ninguén?

A volta á casa familiar non fora doada. Seu pai estaba farto de aturar tódalas falcatruadas que a vida lle puxera diante, riba das ondas do mar. O fillo non sería un máis, un ninguén e, malia as protestas do rapaz, estaba decidido que tiña que estudar Náutica e ter o mando dun barco, o que el sempre soñara nas interminables horas de garda, na soidade da noite. Rematara outro novo curso en A Coruña, pero o expediente académico seguía atoado, entre paletas manchadas de pintura e follas con borradores de sonetos. ¡Había tanto mundo nas tertulias dos cafés do porto e tanta brétema nos seus ollos espertos!

Súa nai Lela sempre llo soltaba coma unha ladaíña... ¡Ai, meu fillo, ti sempre a facer torres no ar! El ollábaa coa tristura de quen sabe que o seu mundo non estaba feito de millas mariñas, compases e singraduras. O seu era un mar soñado, as rotas míticas de Simbad, as velas feitas “camelias brancas”, os mascaróns de proa tallados con nereidas e penélopes. Seu pai, coma unha pantasma que de cando en vez desembarcaba, para ver como a familia medraba e case non o coñecían, nunca entendería a volta á aldea sen o consabido título; ós seus ollos sempre sería un fracasado, un aprendiz de señorito polos cantóns e rueiros da moderna cidade coruñesa. Seu pai, o eterno ausente, perdido no recordo calado das viaxes; seu pai, “ese castelo que por sempre cruza como unha ausencia”.

Dende a ventá víase ben o mar, onde espelleaban as galerías brancas e o fume dos vellos pailebotes manuelantonianos. Lugrís acababa de marchar, co encargo de lle presentar ó pintor Cebreiro, o mítico compañeiro do poeta de Asados. Quería falar con el, sentir de preto a humanidade de alguén que máis de corenta anos antes fora quen de poñerlle a proa á camarilla académica. Quería que lle contara recordos daquel outro estudante que morrera atafegado de mar. Atopábase na mesma encrucillada que asaltara a Manuel Antonio, cando descubriu a conciencia da Terra, que tiñan unha lingua que os afastaba do mundo: pero ó mesmo tempo sentíanse máis preto do universalismo que os homes de Nós peneiraran. Tamén dona Pura diría que o seu fillo facía torres no ar, ¡que ben comprendía a maneira de entender a vida e a arte daquel mozo que morrera en plena enxurrada vital!

Sentíase seguro do brazo de Urbano, levado coma un pelouro polas rúas cheas de xentío. ¿Que é a arte, Antón? Non era doado responder, pero outra vez, o semblante do vello Pontella se lle debuxou na brisa mareira e tivo a seguranza, vendo as viras dos zocos debuxar a liña... “é medir a elipse exacta,o demais son finuras”. A arte tamén é saber pintar con palabras os recantos do vivido, domear a corda sensible ata que cante sen rencores.

O pensamento xoga ó contratempo, mais sempre se detén naquela infancia real que acaba por virtualizarse no espello da ría. E alí están bambeándose ó ritmo da marea as lendarias goletas a se refuxiar do nordés. Renxen as enxarcias dos velamios, a traer sons que son doutro tempo e doutros mares. Noia escoita aquela música coma un agoiro de invernía e escorrenta os ecos dos naufraxios coas badaladas dos sinos de San Martiño.

Dende a ventá, o seu corazón xoga a brincar polo limo da ribeira, inxel coma unha gargallada. A terra e o mar van e veñen co ritmo das mareas, mentres o fío do sacho fende a lentura do terrón. Si, Urbano, si, “noso é o remo e o adival”. Mais cando Avilés escribe, os versos énchense de salseiros, drizas, quillas, áncoras, argazos, foques, sentinas, velas inchadas: o mar, o mar, o Mar...; coma unha dor na conciencia, quizais o necesario perdón paterno ou a presenza fonda na espiral dos ollos, a paisaxe, a Terra do Mar. Aquel seu mar anegado de liberdade, pois “os soños van cara o sur” e na outra banda do mar aínda “non saben que están a construír a torre de cristal da miña infancia”, aínda non o saben.

E aquel rapaz que soñaba na fiestra colleu o camiño de Ítaca, só, coa espada núa no corazón ferido e perdeuse para sempre nas reviravoltas da Patria, camiño do alén, coas tebras de compaña, a escuridade amada... “No escuro alzo a miña torre no ar”. E o escuro encheu os ollos, coma unha mesta néboa a entrar por Monte Louro.

Detrás quedaron as nébodas a morrer no seu arrecendo, e a tarde xa non foi máis.

sábado, 29 de decembro de 2007

Noitevella 2007

Vaise o ano.

Desfaise paseniño
polos camiños da noite,
atallos do vendaval
preñados de luces e sombras.

Mestura de ledicia e saudade
nos curutos dos tellados
e no fume que fai sinais de silencio!

Alá, ó lonxe,
aínda que preto na alma,
escintilan as luces mornas,
as luces amigas de Pontecesures,
de Vilar e de Catoira.

Regueiros de vagalumes
no contraste da pedra eterna,
a axexar con ollos de brétema
como por detrás do Meda e o Xiabre
o Aninovo chega paseniño,
con medo de zocos novos,
lamacentos e xeados.

Rube as congostras calado
entre as sombras afiadas dos salgueiros.
¡Ás alancadas sobrevoará Cortegada
coa présa do inevitable,
Seguro e confiado na forza da mocidade!

E nós, amigo Ulla,
mañá pola mañá, ben cedo,
debruzados no tellado do día...
¡saudaremos o Forasteiro!

martes, 25 de decembro de 2007

Tempo de Agardar





Son as sete da tarde, pero xa é noite pecha. Vantaxes do inverno que semella facer a vida máis sinxela; aínda que non o programes tan ben, o día non dá para se aburrir. Noite pecha, chuvia teimuda e frío, bafaradas de frío. Tempo invernal, xeadas das de sempre e corredoiras enlamadas, como dirían os vellos (depositarios de sabedoría que agora edulcoran con viaxes a Benidorm), tempo con cara de can.

Cara de can a que amosa o pastor alemán cruzado, quizais fose mellor dicir, palleiro con trazos de pastor; malia que seguro que nunca viu unha ovella. Ti estás na parroquia de Baroña, polas lexendarias e míticas terras da Barbanza, nos confíns de Porto do Son. A estrada nova acurruchou algunhas curvas perigosas e, así, ti podes disfrutar de paraxes polas que a circulación xa é lembranza. Coñeces xentes que queren traballar, gañar uns euros extra, sentirse útiles e axudar na dura tarefa de levar adiante unha familia que empeza a vivir. Xente nosa, da que non se engurra e colle a vida polos cornos (agora o fashion é dicir polos collóns).

A bocina do auto vén de rachar o silenzo destas horas do serán invernal. Tan só queres que alguén se decate de que ti lle tes medo a aquel can, musculoso e de ollada indescifrable. O que menos importa é como te mira; mais intúes que ten unha boca chea de dentes, sabedores do oficio e o medo é libre (se hai algo menos libre é o medo).

Ábrese a contraventá e unha sombra de muller vén de se debuxar na fiestra. Colles folgos, o corazón recupera un ritmo que xa era algo apurado e sentes palabras cheas de dozura:

- ¡Muller, que hoxe non che agardaba! ¡Pasa de aí, Troi! Este can sempre no medio dos pés...

A conversa pérdese polo corredor da casa e ti, dende a xanela do coche, sentes como o tempo se adona das tebras.

Agardar, sempre na agarda do imprevisto que nunca chega, nin ten por que chegar. Pero ti sentes que a vida che esvara por entre os dedos, húmidade líquida, mesmo coma a auga da Cortiña Angueira, o fogar presentido e o asfalto polo medio, a se estirar na negrura da noite, coma o ouveo dun lobo nas encostas da Barbanza.

Dormen as sombras no granito do castro. Bate o mar, teimudo ferreiro, nos cons milenarios que resisten o embiste do tempo. Esvara a salitre por entre os dedos da noite e ti, alleo á paisaxe panteísta, premes o botón da FM e deitan os altofalantes, ecos de Celso Emilio na voz calma do tocaio músico, Luís Emilio Batallán:
¡Non importa, agardarei pola alba dun novo día...!


Cantiga do Ulla



Nos puchos negros da noite
sentín leceres de amor,

sopra na gaita o Ulla
a lúa préstalle o fol.

Bailando nos teus cabelos
arrecendín esa flor,

sopra na gaita o Ulla
a lúa préstalle o fol.

Sentín leceres de amor
quixen ser o teu barqueiro,

sopra na gaita o Ulla
a lúa préstalle o fol.

Arrecendín esa flor
o vento contivo o alento,

sopra na gaita o Ulla
a lúa préstalle o fol.

Quixen ser o teu barqueiro
a vogar corpo lanzal,

sopra na gaita o Ulla
a lúa préstalle o fol.

O vento contivo o alento
ollos gacios do teu mar,

sopra na gaita o Ulla
a lúa préstalle o fol.

A vogar corpo lanzal
ancoraremos na illa,
sopra na gaita o Ulla
a lúa préstalle o fol,
bicando as ribeiras mainas
nada un caravel de amor.


domingo, 23 de decembro de 2007

O avó



Agora recordo unha praza baleira
por onde pasan ventos de saudade...
(Luz Pozo Garza)


Perdura o avó
nas tépedas noites de verán

A xugada de vacas
o bafo quente e a lentura do terrón
un paspallás que reloce
a vara de aguillón

Lembranzas de restreba
pérdense no po de camiños vellos
e pés descalzos

Ir e vir
de brazos e xeonllos
na claridade da mañá
purísima
con arrecendos de chuchamel

Acugulo lembranzas
xogos infantís e galiñas
cun fondo de casa petrucial

¿U-lo vello portal de aramios?
¿U-las lousas da lareira morna
remuíño de contos e filloas?


¿Onde se foi a palabra do vello capelán
que sabía de regueifas e segredos?

¿Onde foron os domingos nosos
cheos de cine cafés e rebumbio
naquel Campo de Pasos festeiro?

¿Por que non hai respostas
e só silencio e terra negra?

Nun recanto o vello fiscornio
as túas ferramentas de canteiro
agardan un lóstrego de vida
un berro seco
unha enchenta de sangue nas veas

Namentres no meu paraíso infantil
ti ficas ergueito
coma os carballos da Ermida
a ollada no solpor
vivo e coas mans abertas
nunha esperanza sen fin.

venres, 21 de decembro de 2007

...E veu na brétema.




Hai un aire de desencanto e tristura na contemplación das edificacións espalladas no entorno hospitalario. Chega a noite á atalaia desta ventá dun cuarto identificado cun número exacto. Son un vixía esporádico tralo dobre cristal que insonoriza e illa do exterior. As nubes baixan na tarde noite e esvaran polas abas de Compostela. Nos montes, as torres metálicas de comunicación, acaban de acender os pilotos vermellos e hai humidade e chumbo de ozono trala chuvia de tronada.

Todo aparenta equilibrio e orde lóxica; pero non podo evitar un ricto de inquietude ó enxergar as primeiras luces que se acenden nas fiestras do arredor. Sempre me produce tristura, unha saudade na alma, o imaxinar tantas vidas diferentes agochadas tralos cristais, en loita permanente coas sombras ameazantes da felicidade.

“On peut pas être heureux tous les temps” é o título dun libro que vén de publicar a ex-primeira ministra francesa, Françoise Giroud. Produce desasosego pensar qué estará ocorrendo dentro de cada cuarto, detrás de cada porta, ó redor de cada mesa. Sensación de soidade profunda, de incomunicación, de imposibilidade de axexar e saber algo máis das vidas, das ilusións esmagadas pola asfixiante realidade, da utopía abandonada.

Punto de vista omnisciente a cabalo do luscofusco e saborear a plenitude divina de sabedoría e coñecemento, para ser quen de entender. Ringleira de luces laranxa reviran nas curvas da estrada que esvara por entre as vidas que se axitan e converten o espazo nun xadrez luminoso, polo que aceleran ringleiras de autos, tamén cheos de vidas descoñecidas, aferrados ós teléfonos celulares, coma un salvavidas que lles trae ecos familiares, o veludo da voz amante nun fondo de música que desgarra bossa-nova.

Agora, polo altofalante resoan as novas da aldea global e hai espasmos americanos no escudo de mísiles e na última execución programada, eficaz, impecable. Na perspectiva, redúcese a porcentaxe do monitor e o zoom trasládanos ó formigueiro de Ferrín, cando no crepúsculo, os homes e mulleres que deambulan polas rúas se converten en formigas; así se ven dende o terceiro andar do edificio anestesiado, novo do trinque, pero xa atafegado de cicatrices fondas e impenetrables, as mesmas que cada vida grava na loita coas máscaras de osíxeno, os soros glucosados e as batas verdes de non esperanza.

Renxe a porta do cuarto 350 e, de branco, desinfectada e esterilizada, vén de entrar a Morte. E sinto que a atmosfera de luces, estradas e casas de pedra, recúan ata esvaerse entre sirenas que ouvean e berros afogados no túnel que se abre e se pecha, coma o ronsel dunha lancha xeiteira.

Fire a luz os ollos que non ven, apáganse os asubíos rítmicos e monocordes e sinto que me desfago no etéreo da brétema que baixa do monte. E hai un aire de desencanto e tristura na contemplación do espello que non reflicte, na luz que non alumea, no corazón que xa non anda.

(In memoriam. Hospital de Compostela, un venres que presaxiaba verán)

xoves, 20 de decembro de 2007

Vermello Vertical

Vermello a esvarar
brillo metálico
refulxencia de prata


Voitre azul
Esperanza de sol
Regazo teu aberto
Tardiña baleira
Insoluble arrecendo
Camiña a paisaxe
A rentes da agardada
Liberdade que foi nosA


Remuíños salgados de escumas
bate o sol nos lombos do Ulla
roibén de tarde que rube
entre sombras que esvaran
nas tebras do teu pelo
fonte manancial e burbullas
que bican ollos esgazados
tamiz a peneirar luz de tarde.

sábado, 15 de decembro de 2007

Intuición de muller

Baixou as escaleiras que se retorcían até o imposible e a encrucillada bateulle na cara. Dúas portas dunha cor indefinible pecháronlle o paso. Non falaban, pero cada unha lucía un xénero distintivo: na da esquerda , a lúa, e á dereita, antítese forzosa, un sol campante. Por aquilo de macho e femia, abriu a porta estival e entrou, aínda desconfiado.

Arriba, na mesa rexa de carballo, cun centro de lousa ourensá, deixara coma marca de propiedade o último libro do amigo, máis ben compañeiro de derrotas literarias e liortas culturais. Por riba, os lentes de montura metálica que se enchían co arrecendo dela, no encontro prohibido na vila de Rosalía, cando o Sar xa era un cabalo domado, comesto de xuncos e limos, moradía de parrulos e algunha garza aventureira.

Enchía a tenue luz do local unha música de claras raíces celtas e derredor das mesas voces femininas, ledas e abertas, dispostas a contarlle ao mundo que tiñan vida para disfrutar e estragar. A pantalla de plasma estalaba co ritmo trepidante e a voz sensual, atafegada de erotismo, do vídeo-clip de Shakira e as "súas mulleres cheas de intuición". Quedou preso das perrucas azuis e das minifaldas e das medias con ligueiros e das barras de carmín vermello; mentres, o tempo esvaraba ingrávido baixo un disfraz de fume.

Garigolo, leu de esguello, arrequencido pola amabilidade da madeira e o granito. O local, a música, as pintas de protesta da clientela, os cartaces anunciando concentracións, asembleas antibelicistas, a loita contra a aldea global,...todo lle resultaba diáfano e transparente coma o orballo xiado que empezara a mollar as rúas. Aquilo era refuxio universitario, caverna da tribo, un tobo de fume e utopía na cantería da vella Compostela..

Sóubose na casa, ergueu os ollos e respirou forte, tranquilo, coa seguridade que dan as laxes de granito da Algalia e o mundo foi de novo redondo, pleno coma os ollos dela, cando había uns ollos e el soubo da enxurrada de emocións. Tantas e tan intensas que se chegou a convencer que o amor era unha enfermidade de corpo e alma. Taquicardia de versos con fondo de café e fume mesto de tabaco rubio.

Escribía coa vetusta Parker que lle regalara seu tío, nunha das rarísimas incursións ós eidos nativos dende o seu mundo americano. Escribía a impulsos con cambios de ritmo frenéticos. De vagar coma os aneis de fume que ela lanzaba en estudados movementos sensuais e, de seguido, áxiles grafías que batían na sen coma cando a vía chegar, erguida e maxestuosa, pedra gris, Compostela...e véxote Rosalía.

Sempre te verei Rosalía, no vermello das camelias que sangran na tarde e na cor de nácar dos beizos que se achegan, impávidos, buscando a inercia do impulso que nunca chegou. Todo foi unha cantiga de amor a flotar nos salóns do pazo, co ritmo da zanfona e o susurro dos pregues da vestimenta das damas, cun fondo de cheiro rancio a pergameo e a suor dos galáns que se esforzaban por ser corteses. O noso foi un ronsel de nada, xogo de cartas marcadas onde a única saída era perder. E perdín e perdemos e na derrota comezamos de novo a vivir...

xoves, 13 de decembro de 2007

Trisquel Compostela


Redescubrir Compostela unha mañá baleira, asulagada de brétema e orballo. E os pés van de seu a rúas, prazas e recantos que os ollos esqueceran hai ben de anos. Granito gris e o sol da mañá, cristal de orballo, que comeza a pór cadros e imaxes no seu sitio. Alí están os aleiros e brasóns das Casas Reais a retomar a perspectiva dos vellos mestres canteiros. De novo, sorpréndome cos espazos nos que endexamais reparara; aínda que sempre estiveron alí.

Dende a praza de Mazarelos, coa igrexa da Universidade vista a través dos ollos dunha parella de estudantes estranxeiros que acenan e miden coas mans os contrafortes da pedra monumental. En Cervantes, o sol xa se fai dono da cidade e chego á igrexa das Ánimas, sempre a ollar a rúa, da que sae, de súpeto, unha grea de turistas coa faciana aberta e os ollos abraiados, espello da arte e do pouso cultural de Occidente.

Pola Porta do Camiño soben riadas de peregrinos que veñen da rúa de San Pedro, últimos banzos do Camiño Francés que se estira no tempo e no corazón. Déixome arrolar pola serenidade e o encanto da praciña que mira para San Domingos de Bonaval e os bancos pintados de verde senten o agarimo das pombas, a peteirar migallas de tempo con xubilados de fondo. Esperta a cidade co balbordo do tráfico e os berros de ledicia da rapazada de báculo e mochila.

Bate o sol nos tellados medievais, salferidos de chemineas señoriais, símbolo do poderío e da fartura doutro tempo. As rúas collen o ritmo cotián no acento plurilingüe do azul que atafega a mañá. Contraste multicolor de xentes, autos, toldos, escaparates, sinais, anuncios,...; pero sempre ,por riba, poñendo o pano de fondo á paisaxe, o gris do granito que hoxe non é chumbo, senón historia, nostalxia, medievo, Xelmírez, luz que escorrenta sombras.

Sempre Compostela nos ollos e na alma, eterna e igual a si mesma. O Partenón fisterrán a perpetuar a grandiosidade dunha época que se proxecta cara o futuro, con nova cara e coa mesma cara, no paradoxo das urbes que souberon acadar o arrecendo e o equilibrio da eternidade, granito de lousa e voluta espiral no trisquel do tempo.