martes, 27 de abril de 2010

Bulnes, Asturias



Parafraseando a Novoneyra en "Os Eidos"; "Aquí séntese ben o pequeno que é un home"

mércores, 19 de novembro de 2008

MANDA TESTAMENTARIA PARA QUE GALICIA VIVA

En galego, agora e sempre, AFNL, 2008
 
Este libro recolle mandas testamentarias de veciños do concello de Vilagarcia, moitas coñecidas e outras persoas anónimas. O que se pretende con este libriño,  que foi distribuido por moitísimos concellos do noso País chegando polo tanto a moitísimas familias,  é protexer os nosos dereitos lingüísticos e incentivar á sociedade a que demande das notarías o testamento na nosa lingua. As mandas testamentarias recollidas neles conteñen unha parte importante dos afectos e sentimentos que se queren transmitir aos herdeiros e a obriga de dar cumprimento ao desexo de administrar o patrimonio común: a lingua e a cultura de Galicia.
 
 
 
"Manda testamentaria para que Galicia viva", X. Ramón Brea Rei

É a vontade deste testador que, xunto coa casa familiar da Cortiña Angueira e as hortas, parras e toxeiras que a rodean, os meus fillos Tamara e Lois reciban en herdo a ledicia cantareira do val do Ulla –para nós o Mar Vello- a presenza amiga do castiñeiro do Souto, as corredoiras da veiga e os muíños que aínda ecoan o espírito dos devanceiros.

Pídolles que manteñan o amor pola vida rural, garante do cerne galego: as xuntanzas no quinteiro, o barullo da eira da malla,a fogueira de San Xoán, as romarías, os contos de lareira, o viño a ferver nas tinallas, os hórreos acugulados do amarelo do millo e o aturuxo que reivindica a cultura popular.

Porén, quero engadir como manda final que todo o dito non terá razón de ser sen a fala galega; velaí que antes de me perder no remuíño de sombras, quérolles deixar a alma das cousas, as palabras que nomean e identifican séculos da nosa historia: as que dormen nos vellos pergameos e as que rachan o silencio dos vales ou baten nos cons da Arousa.

Que a lingua vos acompañe a vós e ós vosos descendentes nas alegrías e nos sufrimentos, viva, amorosa, eterna coma as pedras da ermida do Santo Amaro que comparten veciñanza coa casa patrucial.

X.R.B.R., 2008.
I.E.S.“Miguel A. Glez. Estevez”, O Carril (Vilagarcía de Arousa).

venres, 11 de xullo de 2008

BEXO E O CANCIONEIRO POPULAR DO ULLA



O Curral, Bexo (Dodro)                     Foto: X.Ramón Brea
Se hai unha mostra auténtica da capacidade creadora das nosas xentes e da sensibilidade para reflectir os estados de ánimo e interpretación da realidade, esa é a cantiga popular. Os homes e mulleres das aldeas de Galicia, portadores inconscientes do noso espírito popular, foron transmitindo de pais a fillos e de xeración en xeración todo un caudal riquísimo de cantigas, lendas, contos, adiviñas, refráns,..., que constitúen unha valiosísima achega ó acerbo cultural da nosa literatura popular de transmisión oral. Do mesmo xeito que un canteiro fai un cruceiro ou un oleiro os seus cacharros de barro, así os artistas anónimos das aldeas de Galicia foron vertendo no molde das estrofas octosilábicas, toda unha maneira orixinal de ver a vida e o mundo pechado dos nosos pobos.

É precisamente ese mundo aldeán -onde as relacións veciñais de axuda e solidariedade son unha constante- o berce das cantigas cheas de graza e espontaneidade, ima“Sempre en Galiza”:

“As casas aldeáns, espalladas, forman un grupo natural de poucos habitantes, chamado lugar. Alí son veciños de verdade: préstanse lume, axúdanse, aconséllanse, consólanse, berran e rifan. Nas cartas dos ausentes veñen sempre memorias para tódolos veciños do lugar”
Pois ben, de todo este tesouro da cultura popular hai innumerables mostras en toda a veiga do Ulla e vai ser a aldea de Bexo unha das que manteña máis viva esta tradición secular. Son referencia obrigada entre os estudosos dos cancioneiros populares, dúas mulleres de Bexo que gardaron coma ouro en pano a memoria da nosa máis xenuína tradición popular: Manuela Núñez e Concepción Pérez.

As cantigas recolleitas seguen a métrica popular e constan de catro versos octosilábicos, con rima asonante ou consonante nos pares. A temática é moi variada, dominando sobre todo as cantigas amorosas e de vodas, nas que xunto á graza e espontaneidade populares, non podía faltar o humor:

Meniña, ti dóenche os ollos,
tamén che me doen os meus,
ímolos lavar ó río
onde a troita lava os seus.
Fonte de Chan de Viñas, Bexo (Dodro)        Foto:X.Ramón Brea
Fostes falar mal de min
a quen tanto me quería,
a ti todo cho aceptaba
a min todo mo dicía.

 
As relacións veciñais e a comicidade van xuntas nesta cantiga, auténtica xoia pola súa orixinalidade:
Río Ulla, Bexo (Dodro)                Foto:X.Ramón Brea

Señora María,
reprenda o seu galo,
que das nosas galiñas
anda namorado;
e se non o reprende
tórzolle o pescozo
e despois non diga
que son o raposo.

Na seguinte mostra, hai unha clara alusión ás relacións sociais entre dous concellos limítrofes, Dodro e Rianxo, póndose de manifesto como o monte da Paradegua servía de límite natural entre dous mundos moi diferenciados: o mariñeiro da Arousa e o labrego da veiga do Ulla:

Miña nai non me casedes
da Paradegua pra abaixo
que non quero ser veciño
das peixeiras de Rianxo.

O sentimento relixioso aparece representado nas romarías, locais no caso do San Cibrán, ou dun profundo significado en toda Galicia, caso de San Andrés de Teixido. A presenza da cesta fálanos do xantar na carballeira, complemento obrigado de toda romaría que se prece e o mar fala do río Ulla, paso obrigado cando aínda a ponte de Catoira era unha utopía:

Tres días hai que non como,
tres días hai que non durmo,
pensando en ti, San Andrés,
que estás no cabo do mundo.

Fun a San Cibrán do Monte
cunha cesta na cabeza,
fun por mar e vin por terra,
o santiño mo agradeza.

Aínda que hai cantigas específicas de determinadas festas do ano (Noiteboa, Maios, San Xoán,...), de traballos agrícolas (sega, vendima, espadelas do liño,...), de romaría -que se cantaban camiño dos santuarios- de profesións (canteiros, arrieiros,...) ou de berce para arrolar os nenos; a maioría das composicións desta banda do Ulla tiñan un claro fin de divertimento, aparecendo en tódalas reunións da mocidade, vodas e calquera outra manifestación social de carácter festeiro e mesmo acompañadas dos instrumentos propios (pandeiro, pandeireta, gaita,..).

Como remate desta entrañable viaxe no tempo e nas lembranzas, o autor sentiríase moi ledo de pensar que nestes días de festa, en Bexo, logo do xantar e coa mornura e o labio acedo dos nosos viños do Ulla, aínda se volvan oír as cantigas de sempre e os aturuxos solidarios e farreiros. De calquera xeito, a festa debe continuar e, velaí, a mellor maneira de o lembrar:

Vou da-la despedida,
pero non é de marchar,
e por da-la pandeireta
a quen a queira tocar.


X. Ramón Brea Rei (Texto e fotos)

xoves, 27 de marzo de 2008

CONCERTO CON EVA


Intertextualidade co “Desconcerto”, de Eva Veiga.


(Poemario que a propia autora presentou na Casa de Cultura de Porto do Son, un venres, 15 de decembro do ano 2006).

E a súa presenza encheu de son a bóveda pintada por Alfonso Costa, presente tamén no acto e que lle puxo imaxes ós versos. E a poesía foi xurdindo maina, constante, coma un aloumiño de veludo ou a caricia felina dun gato de angora. E a escritura fíxose luz, oco na alma e sentimento que emociona.

Aquel encontro quedou aniñado a agardar o intre, estirado coma un fío agudo e sensible e da súa man naceron outras palabras, novas, co arrecendo do mar do Son ou quizais a sombra indelébel de Sampedro polas Furnas, tráxica e necesaria para entender a vida, para entender o destino...

A Eva Veiga


Concerto con Eva
intento por aferrarse á impenetrable e esquiva
transparencia...


na procura da Nada
iluso dunha obsesión nidia
pero o Vidro seguía alí
esluído
frío
imperturbábel.


Brañas de Laíño (Dodro)                    Foto:X.Ramón Brea


Instrumentos torpes, lixeiros,
afinados, indolentes, arrebatados,


necesarios, posibles,
polimorfos na súa esfericidade
inseguros na excentricidade da man que os manexa
Instrumentalizados.






Amo aquilo que ante o meu pensamento
rebélaseme insubmiso


Amo
a figura curva do firmamento
inaprensible e afastada
coma a furtiva
ollada da Vida.



Vou neste trebón febril
Contra os cantís do corpo.


Rompe o mar
no seixo branco dos teus pés
e respiro o fondo cheiro
dos salseiros
perdido na embriaguez
do teu corpo salgado.
Devala a túa pegada na area
e foxe a tarde.



A onde regresar?

Retornar á materia primixenia
e ser magma que flúe
po estelar en suspensión
pegada de dinosaurio
sombra escura da creación
ou sorriso de anxo...
Mellor, ser Ti.



Vaise canto amamos e non hai dedos

Escorre a vida,
remuíño en espiral que afonda
e as mans rabuñan imaxes
na procura do tempo,
a rescatar ollos
que nos amaron.
na quietude húmida dunha tarde.


Arañeira, X. Ramón Brea
 


Teño a certeza
De que toco algo que me ve.
E eu sen ollos cos que poder miralo.


¡Que ledicia saber
que aínda queda alguén
cheo de certezas!

Dáme un si sen mentiras
ou o eco da palabra sincera.
Tamén eu quero a certeza
e camiñar sen bastóns de mágoa,
saber que si hai futuro.

Texto e fotos: X. Ramón Brea Rei

xoves, 24 de xaneiro de 2008

BIBLIOFILIA, ¿FRUSTRACIÓN OU TEIMA?

Co "Sempre en Galiza"             Foto:X.Ramón Brea


"Nunha vitrina os libros novos espertando tentacións coma os escaparates de Lhardy. O libro bisté, o libro bombón, o libro sopa de rabo de boi, densa e fonda, o libro froita do tempo, o libro mostaza...
Adrián sufría de non poder debullar tódolos libros novos. Entón considerábao necesario para ser un home ó día."
(R. Otero Pedrayo, Arredor de si)

Ás veces, imaxino que os libros que estou axeitando nos andeis da biblioteca teñen vida de si. Senten frío, son capaces de sensacións, de emocionarse diante dunha noite de luar no Ulla ou, de xeito mimético, pegarse da miña eterna saudade e das moitas depresións que nesta bufarda da Cortiña Angueira se tecen.

Velaí que sinta mágoa ó velos cheos de humidade, co suave veludo do balor e, aínda máis, aqueles que non teñen a sorte de ser os meus preferidos ou non compartir as angueiras do traballo nas aulas.

¡Que fachendosos os manuais de lingua e literatura galegas! ¡Como campan con algo de soberbia o "Percival" e o "Arraianos" do mago Ferrín! Xa case non fala cos demais o "Vento ferido" do sobrio Casares e, mesmo hai unha colección de Xerais, co seu cobertor de cor indefinida, a medio camiño entre o morado e o rosa, sufrimento e sensibilidade, sangue e ollada perdida no xardín de brétema que parecen mirar cun aquel de retranca dende a súa elevada posición, atalaia máxica da cultura.

Ollan a estancia, calados e desconfiados, gardando tesouros de tinta, paisaxes inmensas alumeadas co lóstrego da inspiración. Eles saben da vida, do pracer inmenso dunha aperta namorada, da bágoa que esvara polo regueiro do corazón, da viaxe empezada e que nunca remata, de morte e angustia, da beleza equilibrada do chuchamel na primavera, dunha pinga de emoción a facer equilibrios no curuto da traxedia presentida, de onte e de mañá, da existencia e do esquezo.

E de D. Ramón a Borges, preocupación sempiterna polo futuro e o presente das ringleiras de volumes, a esbirrar de humidade, cos ollos chorosos de horizontes, agochados no “aleph” da memoria. Tamén eu sei que moitos deles nunca máis serán abertos nin aloumiñados, envexosos dunha mirada de abraio que lles devolva a razón de ser, a existencia.

Paráfrase da vida, os meus amigos bíblicos –etimoloxicamente- agardan estoicamente un sopro de vida, un refacho de sensibilidade, deixados da man lectora do seu dono, que agora –oh tempos, oh mores- se deixa engaiolar nos mundos virtuais de bitácoras blogueiras, a ensaiar acenos de complicidade coas TIC (empézase cun acrónimo e acábase nos brazos da modernidade, ¡vade retro!)

Mágoa de chuvia a esvarar polos cristais da alma. De saudades e morriñas, de libros clausurados, de blogosferas, de depresión invernal que aniña nos recantos desta aldea roubada ao tempo.

E mentres, eles agardan como a arpa de Bécquer, un sopro divino e unha man amiga que os rescate do inferno do esquecemento, do ermo da soidade.

(Texto e imaxes: X.Ramón Brea Rei)


luns, 21 de xaneiro de 2008

Con Moving Hearts, en Compostela

Non os coñecía, nin sabía da súa música. Foi en Compostela, este sábado, 19 de xaneiro, o intre do milagre, coma se dun encontro presentido se tratase, velaí estaban os 8 integrantes, aos que se uniu nalgúns temas un xenio do acordeón. Era imposible parar os pés cando acordeón e gaita soaban. Lembranzas dos filmes americanos, os sempiternos "western", nos acordes irlandeses, porque este grupo é Irlanda con maiúsculas. Forza, ritmo, percusión redonda que envolve e ergue.

Mais o mellor, quizais fose o saxo alto que campaba polo escenario, enchendo de son unha noite que cumpriu tódalas expectativas. Só faltaban os bailes tradicionais para sentirnos nos vales de Eirín e nos cantís que o mar rompe co ritmo da música. Foi unha sorte ter ido, porque esta xente non defrauda.

martes, 8 de xaneiro de 2008

DERIVA(DAS) PALABRAS




LIMIAR:

O título pretende xogar semanticamente coas dúas realidades que conforman os versos –quizais mellor palabras, na notación medieval e actual- que devalan neste poemario roubado a un tempo morto.

Son “palabras á deriva”, soltas, igual que un navío azoutado pola tempestade, sen vínculos que as amarren. Pero tamén son “palabras derivadas”, porque naceron da lectura dos versos de Claudio Rodríguez Fer, esvarando pola brancura dunha parede, talmente pingueiras de orballo dun marzo que se disfrazou de hospital, na cidade de Compostela.
15 de marzo de 2002.

E a urbe sen ubres...

Arrecendía a magnolias
chovía coraxe entre aceite queimado
e adiantaches un pé
na varanda branca e negra.
Non vin o teu rostro
pero fitei a axilidade do pé.

Despois... escachou a tarde.


Como a crina nas sabanas pardas,...

Coma un abano sen aire
descubrín o lombo arqueado daquel gato.

Coma o lóstrego que racha a noite
descubrín uns ollos esgazados no escaparate

Coma o alento dun adeus
descubrín que o sol pasara de largo
pasmado no cristal das pólas.


A longa cabeleira da lúa...

Esvaraba de tebras abraiada de noite
na redondez da eira entre os hórreos
peneira dos días fendidos.

Hai unha chambra branca a enxugar
e o negro revirou brancura de alba


Descende polos subterráneos dos suburbios...

Mentres a cidade dorme
o río do tempo escoa
polas rúas
nun naufraxio de alcohol
sen violencia.
¡Que lonxe quedou a Ría
que ría na galanura do seu traxe de illas
agasallada polo fiordo
que veu de lonxe!



Ven da curva que tornou anel de noria...

Cinguiu a súa cintura de noria
mentres os acordes do blues nostálxico
debullaban abismos nas curvas.

Soubo que a vida era unha cripta
cando o anel pousou na redondez do dedo
e xirou feita trompo
a caer na fervenza dos corpos.


Son albergues para xirafas mecánicas...

Preme co impulso do aceiro
e o ascensor baixa abalando as cadeiras
talmente un visón no seu tobo.

Entra no labirinto de portas ou rede
rumbo ó interior de espazos
que son tobos.

Sae engulida polo mecanismo da présa
axexante nos tacóns de agulla
e esváese en filigrana
cidadá de asfalto e neón.


Pasa o tempo polos bulevares

Pasa o tempo de ruada
do brazo dun vento circio
e asubía un moucho
na póla da tarde gris.

Pasa o tempo nos teus ollos
cristal cor de bágoas
e pasas sen altera-lo paso.

Pasas e todo pasa.