luns, 1 de xaneiro de 2018

A fibela de Tunisia


A fibela de Tunisia

Fora nun zoco de Tunisia. Procura do souvenir que manteña aberta a lembranza daquela viaxe polo Mediterráneo. Cruceiro que zigzaguea dunha banda noutra do “Mare Nostrum”. De África a Europa e tiro porque me toca. Talmente unha partida de parchís na que os dados sempre están marcados polo tafur do destino.

As ruelas enguedéllanse e pensas que te vas perder, que non serás quen de desandar os pasos. Mundo de cheiro a especias, suor e sempre homes por todas partes. U-las mulleres? Invisibles, coma xa viras no Gran Bazar de Istambul.

Ábrense as tendas á procura do turista coma un náufrago se aferra á táboa que flota no naufraxio. E alí está na parede do fondo. Non se sabe se forma parte da decoración da tenda ou é un obxecto á venda. Esa reflexión só a pode facer un occidental cheo de romanticismo. Nun zoco árabe todo está á venda, mesmo a sombra sinistra do vendedor.
Arrímaste a ela para ollar o detalle da orfebrería, a curva do metal. Dixéronche que era unha fibela, un obxecto ornamental coa súa utilidade na vestimenta, a de recoller os pregues da túnica. Era ben fermosa e, coma nunha revelación, soubeches que viñas de atopar o chanzo que ataría a viaxe, para sempre, coas terras áridas e exóticas de Tunisia.

Agora, dende a cama, mentres escribes con letra miúda os recordos grandes de viaxes que che marcaron co ferro do descubrimento, observas na penumbra a figura triangular, xeométrica, da fibela que se nega a morrer, erguida, a xogo co orgullo africano das caravanas bérberes. E gustas de pensar que, quizais algún día nun tempo pretérito, brillou sobre a túnica azul dunha fermosa hurí de rostro afiado, ollos gacios e corpo de gacela amedrentada. Tiña a fermosura do exótico, do alleo á nosa cultura, do encontro fortuíto nunha tenda entre centos de tendas a onde te arrastrou a premonición ou o azar das encrucilladas reviradas da vida.

E a ti gustábache pensar que, pendurada da parede, a fibela quería contar a súa historia de sede e area, un fermoso romance afogado na tristura da eterna ausencia. Gustábache pensalo, si, porque hai obxectos, case reliquias, que necesitan dun complemento directo que lles poña enriba o contrapunto dunha historia, dunha novela envolta en turbantes e cabalos brancos cun fondo de haima bérber.

E alí permanece, allea aos balbordos e reflexións intimistas, impasible, pendurada dun fondo de misterio a ollarme cómplice e recatada, dende hai anos, a agardar a voz que saiba contar os segredos que dentro garda. Alí segue a fermosa fibela do zoco de Tunisia.      
   X. RAMÓN BREA REI                                                              

luns, 4 de xaneiro de 2016


TRÍSCELE  COMPOSTELA

            Redescubrir Compostela unha mañá baleira, asolagada de brétema e orballo. E os pés van de seu a rúas, prazas e recantos que os ollos esqueceran hai ben de anos. Granito gris e o sol da mañá de agosto que comeza a pór cadros e imaxes no seu sitio. Alí están os aleiros e brasóns das Casas Reais a retomar a perspectiva dos vellos mestres canteiros. De novo, sorpréndome cos espazos que endexamais reparara; aínda que sempre estiveron alí.
 
Dende a praza de Mazarelos, coa igrexa da Universidade vista a través dos ollos dunha parella de estudantes estranxeiros que acenan e miden coas mans os contrafortes da pedra monumental. En Cervantes, o sol xa se fai dono da cidade e chego á igrexa das Ánimas, sempre a ollar a rúa e da que saen, de súpeto, unha grea de turistas coa faciana aberta dos que admiran a arte e o pouso cultural de Occidente.

 
 
Pola Porta do Camiño soben riadas de peregrinos que veñen da rúa de San Pedro, últimos banzos do Camiño Francés que se estira no tempo e no corazón. Déixome arrolar pola serenidade e o encanto da praciña que mira para San Domingos de Bonaval e os bancos pintados de verde senten o agarimo das pombas, a peteirar migallas de tempo con xubilados de fondo. Esperta a cidade co balbordo do tráfico e os berros de ledicia da rapazada de báculo e mochila.



 


 
 

Bate o sol nos tellados medievais, salferidos de chemineas señoriais, símbolo do poderío e da fartura doutro tempo. As rúas collen o ritmo cotián no acento plurilingüe do azul que atafega a mañá. Contraste multicolor de xentes, autos, toldos, escaparates, sinais, anuncios,...; pero sempre por riba, poñendo o pano de fondo á paisaxe, o gris do granito que hoxe non é chumbo, senón historia, nostalxia, medievo, Xelmírez, luz que escorrenta sombras.


 
Sempre Compostela nos ollos e na alma, eterna e igual a si mesma. O Partenón fisterrán a perpetuar a grandiosidade dunha época que se proxecta cara o futuro, con nova cara e coa mesma cara, no paradoxo das urbes que souberon acadar o arrecendo e o equilibrio da eternidade, granito de lousa e voluta espiral no tríscele do tempo.

             (Compostela, agosto de 2000).
 
  
X. Ramón Brea Rei (Texto e fotos)

xoves, 28 de novembro de 2013

Reencontro con "Resistencia", da man de 1º Bacharelato

Xa choveu dende que sentira un nó na gorxa, sentado no asento traseiro do coche de Filipa. Apuro a mente e tento que as súas vidas non se bifurquen: Dinís, coa cana de pescar sargos no cantil de San Pedro de Moel e Filipa, renegando da súa patria lusa.

Esta novela de Rosa Aneiros (Premio Arcebispo Xoán de San Clemente, 2003).contada coa técnica da analepse (flash-back), cóntanos a experiencia dramática duns personaxes marcados polo amor e a represión da ditadura de Oliveira de Salazar, no Portugal previo á revolución dos caraveis (25 de abril de 1974).

San Pedro de Moel, no Portugal da zona de Leiría, Alcobaça, Nazaret e cunha presenza minuciosa da península de Peniche e o seu cárcere, emblema da ditadura salazarista. A través dos personaxes da pesca Isaura e o seu amor secreto, António Gonçalves, a autora vai tecendo unha historia de amor e paixón agachados, ao redor do Pinhal do Rei e da Real Fábrica de Vidros de Guillerme Stephens.

O nacemento do fillo Denís vai continuar a saga familiar, entre amores agachados tamén, coa presenza de dúas clases sociais afastadas que non acabarán de encontrarse na felicidade buscada. Ela, a Filipa, estudante dunha acomodada clase burguesa establecida en Coimbra. El, Dinís, fillo de solteira, rapaz ilusionado que participa na guerra colonial de Mozambique e, máis tarde militará no clandestino Partido Comunista portugués, que o levará durante anos ó cárcere de Peniche e a non volver saber da súa amada.
(...)

Lectura que arrastra na procura do final que desvele o malentendido e o reencontro dos namorados, que vén sendo tamén o reencontro do novo Portugal coas clases traballadoras que durante séculos sufriron a represión e a miseria da ditadura. Mais, velaí, que o final deixa un sabor agre de frustración, de non saber , de agachar as intencións e o lector séntese perdido e baleiro.

Quizais a literatura non debería estar por riba dos sentimentos, da realidade e dos finais que desexamos. Chegado aquí, teño a sensación de que Rosa Aneiros, unha vez máis, se deixou levar pola doenza da escritora “orixinal”, que leva o diferente ata o punto de roubarnos o final.


Os lectores teñen dereito a un final, a pechar o círculo da historia, a gozar coa ledicia do reencontro ou a tremer co suplicio da eterna separación; pero, síntome defraudado, case molesto. Mágoa que unha novela literariamente impecable se bote a perder por un final “orixinal”, covarde e fuxidío: Que vai facer Filipa? 

Final aberto e historia incerta para que o lector pase el o traballo de recompoñer o puzzle no que as pezas queiman coma o lume nos dedos.



 
(O Portugal da novela)                                                        (San Pedro de Moel, o escenario)




martes, 27 de abril de 2010

Bulnes, Asturias



Parafraseando a Novoneyra en "Os Eidos"; "Aquí séntese ben o pequeno que é un home"

mércores, 19 de novembro de 2008

MANDA TESTAMENTARIA PARA QUE GALICIA VIVA

En galego, agora e sempre, AFNL, 2008
 
Este libro recolle mandas testamentarias de veciños do concello de Vilagarcia, moitas coñecidas e outras persoas anónimas. O que se pretende con este libriño,  que foi distribuido por moitísimos concellos do noso País chegando polo tanto a moitísimas familias,  é protexer os nosos dereitos lingüísticos e incentivar á sociedade a que demande das notarías o testamento na nosa lingua. As mandas testamentarias recollidas neles conteñen unha parte importante dos afectos e sentimentos que se queren transmitir aos herdeiros e a obriga de dar cumprimento ao desexo de administrar o patrimonio común: a lingua e a cultura de Galicia.
 
 
 
"Manda testamentaria para que Galicia viva", X. Ramón Brea Rei

É a vontade deste testador que, xunto coa casa familiar da Cortiña Angueira e as hortas, parras e toxeiras que a rodean, os meus fillos Tamara e Lois reciban en herdo a ledicia cantareira do val do Ulla –para nós o Mar Vello- a presenza amiga do castiñeiro do Souto, as corredoiras da veiga e os muíños que aínda ecoan o espírito dos devanceiros.

Pídolles que manteñan o amor pola vida rural, garante do cerne galego: as xuntanzas no quinteiro, o barullo da eira da malla,a fogueira de San Xoán, as romarías, os contos de lareira, o viño a ferver nas tinallas, os hórreos acugulados do amarelo do millo e o aturuxo que reivindica a cultura popular.

Porén, quero engadir como manda final que todo o dito non terá razón de ser sen a fala galega; velaí que antes de me perder no remuíño de sombras, quérolles deixar a alma das cousas, as palabras que nomean e identifican séculos da nosa historia: as que dormen nos vellos pergameos e as que rachan o silencio dos vales ou baten nos cons da Arousa.

Que a lingua vos acompañe a vós e ós vosos descendentes nas alegrías e nos sufrimentos, viva, amorosa, eterna coma as pedras da ermida do Santo Amaro que comparten veciñanza coa casa patrucial.

X.R.B.R., 2008.
I.E.S.“Miguel A. Glez. Estevez”, O Carril (Vilagarcía de Arousa).

venres, 11 de xullo de 2008

BEXO E O CANCIONEIRO POPULAR DO ULLA



O Curral, Bexo (Dodro)                     Foto: X.Ramón Brea
Se hai unha mostra auténtica da capacidade creadora das nosas xentes e da sensibilidade para reflectir os estados de ánimo e interpretación da realidade, esa é a cantiga popular. Os homes e mulleres das aldeas de Galicia, portadores inconscientes do noso espírito popular, foron transmitindo de pais a fillos e de xeración en xeración todo un caudal riquísimo de cantigas, lendas, contos, adiviñas, refráns,..., que constitúen unha valiosísima achega ó acerbo cultural da nosa literatura popular de transmisión oral. Do mesmo xeito que un canteiro fai un cruceiro ou un oleiro os seus cacharros de barro, así os artistas anónimos das aldeas de Galicia foron vertendo no molde das estrofas octosilábicas, toda unha maneira orixinal de ver a vida e o mundo pechado dos nosos pobos.

É precisamente ese mundo aldeán -onde as relacións veciñais de axuda e solidariedade son unha constante- o berce das cantigas cheas de graza e espontaneidade, ima“Sempre en Galiza”:

“As casas aldeáns, espalladas, forman un grupo natural de poucos habitantes, chamado lugar. Alí son veciños de verdade: préstanse lume, axúdanse, aconséllanse, consólanse, berran e rifan. Nas cartas dos ausentes veñen sempre memorias para tódolos veciños do lugar”
Pois ben, de todo este tesouro da cultura popular hai innumerables mostras en toda a veiga do Ulla e vai ser a aldea de Bexo unha das que manteña máis viva esta tradición secular. Son referencia obrigada entre os estudosos dos cancioneiros populares, dúas mulleres de Bexo que gardaron coma ouro en pano a memoria da nosa máis xenuína tradición popular: Manuela Núñez e Concepción Pérez.

As cantigas recolleitas seguen a métrica popular e constan de catro versos octosilábicos, con rima asonante ou consonante nos pares. A temática é moi variada, dominando sobre todo as cantigas amorosas e de vodas, nas que xunto á graza e espontaneidade populares, non podía faltar o humor:

Meniña, ti dóenche os ollos,
tamén che me doen os meus,
ímolos lavar ó río
onde a troita lava os seus.
Fonte de Chan de Viñas, Bexo (Dodro)        Foto:X.Ramón Brea
Fostes falar mal de min
a quen tanto me quería,
a ti todo cho aceptaba
a min todo mo dicía.

 
As relacións veciñais e a comicidade van xuntas nesta cantiga, auténtica xoia pola súa orixinalidade:
Río Ulla, Bexo (Dodro)                Foto:X.Ramón Brea

Señora María,
reprenda o seu galo,
que das nosas galiñas
anda namorado;
e se non o reprende
tórzolle o pescozo
e despois non diga
que son o raposo.

Na seguinte mostra, hai unha clara alusión ás relacións sociais entre dous concellos limítrofes, Dodro e Rianxo, póndose de manifesto como o monte da Paradegua servía de límite natural entre dous mundos moi diferenciados: o mariñeiro da Arousa e o labrego da veiga do Ulla:

Miña nai non me casedes
da Paradegua pra abaixo
que non quero ser veciño
das peixeiras de Rianxo.

O sentimento relixioso aparece representado nas romarías, locais no caso do San Cibrán, ou dun profundo significado en toda Galicia, caso de San Andrés de Teixido. A presenza da cesta fálanos do xantar na carballeira, complemento obrigado de toda romaría que se prece e o mar fala do río Ulla, paso obrigado cando aínda a ponte de Catoira era unha utopía:

Tres días hai que non como,
tres días hai que non durmo,
pensando en ti, San Andrés,
que estás no cabo do mundo.

Fun a San Cibrán do Monte
cunha cesta na cabeza,
fun por mar e vin por terra,
o santiño mo agradeza.

Aínda que hai cantigas específicas de determinadas festas do ano (Noiteboa, Maios, San Xoán,...), de traballos agrícolas (sega, vendima, espadelas do liño,...), de romaría -que se cantaban camiño dos santuarios- de profesións (canteiros, arrieiros,...) ou de berce para arrolar os nenos; a maioría das composicións desta banda do Ulla tiñan un claro fin de divertimento, aparecendo en tódalas reunións da mocidade, vodas e calquera outra manifestación social de carácter festeiro e mesmo acompañadas dos instrumentos propios (pandeiro, pandeireta, gaita,..).

Como remate desta entrañable viaxe no tempo e nas lembranzas, o autor sentiríase moi ledo de pensar que nestes días de festa, en Bexo, logo do xantar e coa mornura e o labio acedo dos nosos viños do Ulla, aínda se volvan oír as cantigas de sempre e os aturuxos solidarios e farreiros. De calquera xeito, a festa debe continuar e, velaí, a mellor maneira de o lembrar:

Vou da-la despedida,
pero non é de marchar,
e por da-la pandeireta
a quen a queira tocar.


X. Ramón Brea Rei (Texto e fotos)

xoves, 27 de marzo de 2008

CONCERTO CON EVA


Intertextualidade co “Desconcerto”, de Eva Veiga.


(Poemario que a propia autora presentou na Casa de Cultura de Porto do Son, un venres, 15 de decembro do ano 2006).

E a súa presenza encheu de son a bóveda pintada por Alfonso Costa, presente tamén no acto e que lle puxo imaxes ós versos. E a poesía foi xurdindo maina, constante, coma un aloumiño de veludo ou a caricia felina dun gato de angora. E a escritura fíxose luz, oco na alma e sentimento que emociona.

Aquel encontro quedou aniñado a agardar o intre, estirado coma un fío agudo e sensible e da súa man naceron outras palabras, novas, co arrecendo do mar do Son ou quizais a sombra indelébel de Sampedro polas Furnas, tráxica e necesaria para entender a vida, para entender o destino...

A Eva Veiga


Concerto con Eva
intento por aferrarse á impenetrable e esquiva
transparencia...


na procura da Nada
iluso dunha obsesión nidia
pero o Vidro seguía alí
esluído
frío
imperturbábel.


Brañas de Laíño (Dodro)                    Foto:X.Ramón Brea


Instrumentos torpes, lixeiros,
afinados, indolentes, arrebatados,


necesarios, posibles,
polimorfos na súa esfericidade
inseguros na excentricidade da man que os manexa
Instrumentalizados.






Amo aquilo que ante o meu pensamento
rebélaseme insubmiso


Amo
a figura curva do firmamento
inaprensible e afastada
coma a furtiva
ollada da Vida.



Vou neste trebón febril
Contra os cantís do corpo.


Rompe o mar
no seixo branco dos teus pés
e respiro o fondo cheiro
dos salseiros
perdido na embriaguez
do teu corpo salgado.
Devala a túa pegada na area
e foxe a tarde.



A onde regresar?

Retornar á materia primixenia
e ser magma que flúe
po estelar en suspensión
pegada de dinosaurio
sombra escura da creación
ou sorriso de anxo...
Mellor, ser Ti.



Vaise canto amamos e non hai dedos

Escorre a vida,
remuíño en espiral que afonda
e as mans rabuñan imaxes
na procura do tempo,
a rescatar ollos
que nos amaron.
na quietude húmida dunha tarde.


Arañeira, X. Ramón Brea
 


Teño a certeza
De que toco algo que me ve.
E eu sen ollos cos que poder miralo.


¡Que ledicia saber
que aínda queda alguén
cheo de certezas!

Dáme un si sen mentiras
ou o eco da palabra sincera.
Tamén eu quero a certeza
e camiñar sen bastóns de mágoa,
saber que si hai futuro.

Texto e fotos: X. Ramón Brea Rei