xoves, 27 de marzo de 2008

CONCERTO CON EVA


Intertextualidade co “Desconcerto”, de Eva Veiga.


(Poemario que a propia autora presentou na Casa de Cultura de Porto do Son, un venres, 15 de decembro do ano 2006).

E a súa presenza encheu de son a bóveda pintada por Alfonso Costa, presente tamén no acto e que lle puxo imaxes ós versos. E a poesía foi xurdindo maina, constante, coma un aloumiño de veludo ou a caricia felina dun gato de angora. E a escritura fíxose luz, oco na alma e sentimento que emociona.

Aquel encontro quedou aniñado a agardar o intre, estirado coma un fío agudo e sensible e da súa man naceron outras palabras, novas, co arrecendo do mar do Son ou quizais a sombra indelébel de Sampedro polas Furnas, tráxica e necesaria para entender a vida, para entender o destino...

A Eva Veiga


Concerto con Eva
intento por aferrarse á impenetrable e esquiva
transparencia...


na procura da Nada
iluso dunha obsesión nidia
pero o Vidro seguía alí
esluído
frío
imperturbábel.


Brañas de Laíño (Dodro)                    Foto:X.Ramón Brea


Instrumentos torpes, lixeiros,
afinados, indolentes, arrebatados,


necesarios, posibles,
polimorfos na súa esfericidade
inseguros na excentricidade da man que os manexa
Instrumentalizados.






Amo aquilo que ante o meu pensamento
rebélaseme insubmiso


Amo
a figura curva do firmamento
inaprensible e afastada
coma a furtiva
ollada da Vida.



Vou neste trebón febril
Contra os cantís do corpo.


Rompe o mar
no seixo branco dos teus pés
e respiro o fondo cheiro
dos salseiros
perdido na embriaguez
do teu corpo salgado.
Devala a túa pegada na area
e foxe a tarde.



A onde regresar?

Retornar á materia primixenia
e ser magma que flúe
po estelar en suspensión
pegada de dinosaurio
sombra escura da creación
ou sorriso de anxo...
Mellor, ser Ti.



Vaise canto amamos e non hai dedos

Escorre a vida,
remuíño en espiral que afonda
e as mans rabuñan imaxes
na procura do tempo,
a rescatar ollos
que nos amaron.
na quietude húmida dunha tarde.


Arañeira, X. Ramón Brea
 


Teño a certeza
De que toco algo que me ve.
E eu sen ollos cos que poder miralo.


¡Que ledicia saber
que aínda queda alguén
cheo de certezas!

Dáme un si sen mentiras
ou o eco da palabra sincera.
Tamén eu quero a certeza
e camiñar sen bastóns de mágoa,
saber que si hai futuro.

Texto e fotos: X. Ramón Brea Rei