TRÍSCELE COMPOSTELA
Redescubrir Compostela unha mañá
baleira, asolagada de brétema e orballo. E os pés van de seu a rúas, prazas e
recantos que os ollos esqueceran hai ben de anos. Granito gris e o sol da mañá
de agosto que comeza a pór cadros e imaxes no seu sitio. Alí están os aleiros e
brasóns das Casas Reais a retomar a perspectiva dos vellos mestres canteiros.
De novo, sorpréndome cos espazos que endexamais reparara; aínda que sempre
estiveron alí.
Dende a praza de Mazarelos, coa igrexa da
Universidade vista a través dos ollos dunha parella de estudantes estranxeiros
que acenan e miden coas mans os contrafortes da pedra monumental. En Cervantes,
o sol xa se fai dono da cidade e chego á igrexa das Ánimas, sempre a ollar a rúa
e da que saen, de súpeto, unha grea de turistas coa faciana aberta dos que
admiran a arte e o pouso cultural de Occidente.
Pola Porta do Camiño soben riadas de peregrinos
que veñen da rúa de San Pedro, últimos banzos do Camiño Francés que se estira
no tempo e no corazón. Déixome arrolar pola serenidade e o encanto da praciña
que mira para San Domingos de Bonaval e os bancos pintados de verde senten o
agarimo das pombas, a peteirar migallas de tempo con xubilados de fondo.
Esperta a cidade co balbordo do tráfico e os berros de ledicia da rapazada de
báculo e mochila.
Bate o sol nos tellados medievais, salferidos de
chemineas señoriais, símbolo do poderío e da fartura doutro tempo. As rúas
collen o ritmo cotián no acento plurilingüe do azul que atafega a mañá.
Contraste multicolor de xentes, autos, toldos, escaparates, sinais,
anuncios,...; pero sempre por riba, poñendo o pano de fondo á paisaxe, o gris
do granito que hoxe non é chumbo, senón historia, nostalxia, medievo, Xelmírez,
luz que escorrenta sombras.
Sempre Compostela nos ollos e na alma, eterna e
igual a si mesma. O Partenón fisterrán a perpetuar a grandiosidade dunha época que
se proxecta cara o futuro, con nova cara e coa mesma cara, no paradoxo das
urbes que souberon acadar o arrecendo e o equilibrio da eternidade, granito de
lousa e voluta espiral no tríscele do tempo.
(Compostela, agosto de 2000).