luns, 4 de xaneiro de 2016


TRÍSCELE  COMPOSTELA

            Redescubrir Compostela unha mañá baleira, asolagada de brétema e orballo. E os pés van de seu a rúas, prazas e recantos que os ollos esqueceran hai ben de anos. Granito gris e o sol da mañá de agosto que comeza a pór cadros e imaxes no seu sitio. Alí están os aleiros e brasóns das Casas Reais a retomar a perspectiva dos vellos mestres canteiros. De novo, sorpréndome cos espazos que endexamais reparara; aínda que sempre estiveron alí.
 
Dende a praza de Mazarelos, coa igrexa da Universidade vista a través dos ollos dunha parella de estudantes estranxeiros que acenan e miden coas mans os contrafortes da pedra monumental. En Cervantes, o sol xa se fai dono da cidade e chego á igrexa das Ánimas, sempre a ollar a rúa e da que saen, de súpeto, unha grea de turistas coa faciana aberta dos que admiran a arte e o pouso cultural de Occidente.

 
 
Pola Porta do Camiño soben riadas de peregrinos que veñen da rúa de San Pedro, últimos banzos do Camiño Francés que se estira no tempo e no corazón. Déixome arrolar pola serenidade e o encanto da praciña que mira para San Domingos de Bonaval e os bancos pintados de verde senten o agarimo das pombas, a peteirar migallas de tempo con xubilados de fondo. Esperta a cidade co balbordo do tráfico e os berros de ledicia da rapazada de báculo e mochila.



 


 
 

Bate o sol nos tellados medievais, salferidos de chemineas señoriais, símbolo do poderío e da fartura doutro tempo. As rúas collen o ritmo cotián no acento plurilingüe do azul que atafega a mañá. Contraste multicolor de xentes, autos, toldos, escaparates, sinais, anuncios,...; pero sempre por riba, poñendo o pano de fondo á paisaxe, o gris do granito que hoxe non é chumbo, senón historia, nostalxia, medievo, Xelmírez, luz que escorrenta sombras.


 
Sempre Compostela nos ollos e na alma, eterna e igual a si mesma. O Partenón fisterrán a perpetuar a grandiosidade dunha época que se proxecta cara o futuro, con nova cara e coa mesma cara, no paradoxo das urbes que souberon acadar o arrecendo e o equilibrio da eternidade, granito de lousa e voluta espiral no tríscele do tempo.

             (Compostela, agosto de 2000).
 
  
X. Ramón Brea Rei (Texto e fotos)