Esta novela de Rosa Aneiros (Premio Arcebispo Xoán de San Clemente, 2003).contada coa
técnica da analepse (flash-back), cóntanos a experiencia dramática duns
personaxes marcados polo amor e a represión da ditadura de Oliveira de Salazar,
no Portugal previo á revolución dos caraveis (25 de abril de 1974).
San Pedro de Moel,
no Portugal da zona de Leiría, Alcobaça, Nazaret e cunha presenza minuciosa da península
de Peniche e o seu cárcere, emblema da ditadura salazarista. A través dos
personaxes da pesca Isaura e o seu amor secreto, António Gonçalves, a autora
vai tecendo unha historia de amor e paixón agachados, ao redor do Pinhal do Rei
e da Real Fábrica de Vidros de Guillerme Stephens.
O nacemento do
fillo Denís vai continuar a saga familiar, entre amores agachados tamén, coa
presenza de dúas clases sociais afastadas que non acabarán de encontrarse na
felicidade buscada. Ela, a Filipa, estudante dunha acomodada clase burguesa
establecida en Coimbra. El, Dinís, fillo de solteira, rapaz ilusionado que
participa na guerra colonial de Mozambique e, máis tarde militará no
clandestino Partido Comunista portugués, que o levará durante anos ó cárcere de
Peniche e a non volver saber da súa amada.
(...)
Lectura que
arrastra na procura do final que desvele o malentendido e o reencontro dos
namorados, que vén sendo tamén o reencontro do novo Portugal coas clases
traballadoras que durante séculos sufriron a represión e a miseria da ditadura.
Mais, velaí, que o final deixa un sabor agre de frustración, de non saber , de
agachar as intencións e o lector séntese perdido e baleiro.
Quizais a
literatura non debería estar por riba dos sentimentos, da realidade e dos
finais que desexamos. Chegado aquí, teño a sensación de que Rosa Aneiros, unha
vez máis, se deixou levar pola doenza da escritora “orixinal”, que leva o
diferente ata o punto de roubarnos o final.
Os lectores teñen
dereito a un final, a pechar o círculo da historia, a gozar coa ledicia do
reencontro ou a tremer co suplicio da eterna separación; pero, síntome
defraudado, case molesto. Mágoa que unha novela literariamente impecable se
bote a perder por un final “orixinal”, covarde e fuxidío: Que vai facer Filipa?
Final aberto e historia incerta para que o lector pase el o traballo de recompoñer o puzzle no que as pezas queiman coma o lume nos dedos.
(O Portugal da novela) (San Pedro de Moel, o escenario)