luns, 13 de xaneiro de 2020

BEXO E A ERMIDA DE SAN AMARO

          

“ O vello río da aldea,
madrugador e gaiteiro,
trenqueando os brancos zocos
vai á misa co luceiro “.
(L.Amado Carballo)

Disposta nunha atalaia natural, na aba do monte Carboeiro, testemuña privilexiada do camiñar maino do 
río Ulla. O viaxeiro atopa a aldea de Bexo -ou mellor, Vexo- no vendaval da parroquia de San Xoán 
 de Laíño, unha das tres que conforman o concello de Dodro.

Dende sempre, tránsito obrigado a Padrón e Santiago, e senón que llo pregunten ó vello Camiño Real, do que aínda quedan moitos relanzos comestos polas lamias dos carros. Hoxe as pistas de terra da Forestal acurruchárono para sempre, mentres agarda que algún estudioso rescate o seu valor histórico-económico, perdido na noite dos tempos.

Por aquí pasaban as peixeiras e arrieiros, logo de atravesa-la raia fronteiriza da Paradegua, liña divisoria entre concellos; pero que, na realidade separaba dous mundos, dúas maneiras de entende-la vida, o mar e a montaña, a xente da braña e os pescos.

Monte da Paradegua -parada das eguas- sempre ó axexo das brétemas mañanceiras e acugulado de lendas e historias certas, entoldado polos “paseos” e achádegos nas cunetas, triste lembranza da guerra civil.

Rinchaban os eixos dos carros ó compás do bafo da parella de bois e, de cando en cando, o chío do miñato poñía o contrapunto, arrolado polos carballos e piñeiros. 

Bexo, lugar de paso e vistosa paisaxe, nunca foi sitio de comerciantes, xa que a puxante vila de Padrón ó norte e a dinámica Vilagarcía de Arousa, na marxe esquerda da ría, sempre lle puxeron couto a un desenrolo que, todo o máis, estancou nas tendas de ultramarinos ou nalgunha casa de comidas, parada obrigatoria para colle-los folgos precisos, antes de encararse coa tremenda encosta da Paradegua. 

Aínda que houbo un tempo en que apareceu unha puxante actividade económica, consecuencia do grande pulo do sector da construción, falamos dos areeiros do Ulla, a vida da aldea sempre xirou ó redor de dous mundos, a riqueza forestal do monte Balouta e as ricas terras da veiga do Ullán. O primeiro deles máis promesa ca realidade, foi durante moitos anos pasto de ovellas e vacas, que pacían ás súas anchas nas abas do monte, tripando toxos e manténdose con carrouchas e queirogas. Logo, veu a repoboación forestal, na que participaron os veciños a cambio dun xornal de miseria e que encheu o monte co verde escuro dos piñeiros. A riqueza forestal coa produción de madeira nunca chegaría a repercutir nas economías devaluadas dos veciños de Bexo, limitándose ó aproveitamento da leña para as novidosas cociñas económicas.

A veiga foi sempre a despensa da aldea e a que mitigou as fames da posguerra. Sementábase o millo e o centeo que campaba fachendoso nas searas, tamén algo de liño e plantábanse patacas e legumes. Nas hortas e cortiñas, os bacelos enchían as adegas de viño e poñían a nota de ledicia no corazón dos veciños, cando chegaban as festas patronais e tamén, nas fatigosas xeiras do mes de maio.

Historicamente non figuran datos de interese, a parte da mención ó Camiño Real e das liortas que os piratas organizaban na subida do Ulla, na procura dos estaleiros de Iria Flavia, o porto de Copmpostela. As catro casiñas terreñas, coa mampostería ó vento, non espertarían a cobiza daqueles intrépidos navegantes que tiñan ben claro o seu obxectivo bélico, as riquezas da curia arcebispal.

A pouca distancia da aldea, as impoñentes moles das Torres de Augusto -o Castellum Honesti- vixiaban as mansas augas do Ulla alertando cando albiscaban as ameazantes proas das naves inimigas. Pero, non todo eran liortas e destrucción, pois por estas terras din que pasaba xa, a calzada romana do emperador Antonino “per loca marítima”, carrexando o estaño e o volframio da Barbanza.

Ben arroupada por un pequeno fato de casas, algunha ben cangada de anos, érguese a ermida de San Amaro, construción que non se diferenciaría das demais, de non ser pola sinxela espadana rematada en cruz, na que pendura unha pequena campá. Poema de granito e bronce, baixo da súa chamada desfilan os fregueses, continuadores dunha tradición secular da que non posuímos datos históricos obxectivos. Non temos constancia da existencia de datos fundacionais nos libros do arquivo parroquial e algún estudoso, tal é o caso de Avelino Abuín de Tembra, aventura a teoría de que ben puidera ter sido un cenobio monacal do século XVII, ó redor do que nacería unha pequena comunidade veciñal. 

A ermida, que lle acabou dando nome ó lugar - a Ermida- está desprovista de toda clase de ornamentación e, pola súa mampostería, todo apunta a pensar que foi obra de canteiros aldeáns, sinxelos e duros coma a pedra que picaban. Non hai pretensións arquitectónicas o que, en contra de ser unha nota negativa, conseguiu a harmonización total entre o lar e o altar, a pedra sacra e a lareira familiar, o edificio relixioso e o entorno de casas, coa mesma pedra e os mesmos tellados.

Dende aquela, debeu sufrir importantes modificacións na estrutura, figurando documentalmente unha importante reparación na década dos anos vinte, concretamente en 1921. Os muros foron caleados para darlle unha maior claridade e contribuír ó seu adecentamento. Tamén se lle dotou dunha tribuna de madeira de carballo, con balaústres de castiñeiro, mercándoselle a madeira ó Ferrancheiro de Padrón. Dende ela, os homes podían segui-los actos relixiosos. Como a campá estaba choca, máis tarde foi substituída por unha nova. Tamén se lle deu máis altura, arredor de un metro, e como non chegaron os cartos recadados na aldea, vendeuse un agro, propiedade da ermida. Aínda hoxe hai leiras de monte pertencentes ás “Ánimas da ermida”. 

No seu interior consérvanse as imaxes de San Pedro, en pedra policromada, e de San Amaro, o patrón xunto coa Virxe de Belén. Ó longo dos tempos, os veciños tiveron que asumir posturas de forza diante de intentos de vender algunha destas imaxes pétreas, de grande valor artístico e sentimental.

O crego da parroquia, a cambio de cargas de millo, viña a dicir misa unha vez por semana, aínda que as celebracións solemnes e os actos fúnebres sempre tiveron lugar na igrexa parroquial de San Xoán de Laíño. A contribución ó crego consistía en 1 ferrado de millo por veciño rico e ½ ferrado se era pobre. Tamén se lle daban 4 ovos por familia, no tempo da Cuaresma, e cada matrimonio pagaba un real de oblatas.

Celébranse as festas de San Amaro, patrón de Bexo, e da Virxe de Belén, no mes de xaneiro, cando aínda as xeadas campan pola bretemosa veiga do Ulla. Hai misa solemne e procesión, na que os cregos e gaiteiros -ás veces, mesmo unha banda de música- saen da ermida e percorren a aldea, con centro en Chan de Viñas, mentres a campá repica ata o esgotamento e os foguetes estalan no sol do mediodía. Todo un espectáculo aldeán, pola sinxeleza e inxenuidade do cortexo, no que os veciños son os auténticos protagonistas, nunha mestura de relixiosidade e diversión festeira.

No verán do ano 1992 vén de facerse a última reparación, polo de agora, na que se lavou a pedra a base de modernas técnicas de chorros a alta presión (moi discutible este sistema en construccións seculares, como é este caso, xa que a pedra sofre unha erosión equivalente a moitos anos á intemperie). Tamén se encintaron as pedras cunha mestura de barro e cemento (tradición e modernidade) e lle renovaron o vello tellado, colocado sobre trabes de formigón armado, incorporando como novidade un pequeno desnivel que semella, dende o exterior, unha ermida con dous corpos diferenciados.

A restauración tamén lle chegou ós vellos azulexos brancos que campan sobre a porta lateral, onde se pode ler en grafía azul: CAPILLA DE SAN MAURO 7. O número ten que ver co catastro municipal e a denominación responde a tempos da dictadura, cando aquela nefasta teima de castelanizar tódolos nosos topónimos. Foi mágoa que no intre da restauración, se desaproveitara unha ocasión histórica para restablece-la única denominación auténtica de ERMIDA DE SAN AMARO, que por algo o lugar onde está enclavada sempre se chamou “A Ermida”. 

As reformas tamén lle afectaron ó interior, consistindo no repintado das paredes, en cor branca, e no reforzamento da tribuna cunha trabe de formigón, recuberta logo de madeira para sintonizar coa decoración do recinto relixioso.

Ata aquí o pequeno percorrido pola nosa aldea con parada e demora nesa pequena construción da Ermida de S. Mauro, orgullo de todos nós e motivo destas festas que agora gozamos. 

Saúde. 

X. RAMÓN BREA REI A Ermida de Bexo, 1996