mércores, 19 de novembro de 2008

MANDA TESTAMENTARIA PARA QUE GALICIA VIVA

En galego, agora e sempre, AFNL, 2008
 
Este libro recolle mandas testamentarias de veciños do concello de Vilagarcia, moitas coñecidas e outras persoas anónimas. O que se pretende con este libriño,  que foi distribuido por moitísimos concellos do noso País chegando polo tanto a moitísimas familias,  é protexer os nosos dereitos lingüísticos e incentivar á sociedade a que demande das notarías o testamento na nosa lingua. As mandas testamentarias recollidas neles conteñen unha parte importante dos afectos e sentimentos que se queren transmitir aos herdeiros e a obriga de dar cumprimento ao desexo de administrar o patrimonio común: a lingua e a cultura de Galicia.
 
 
 
"Manda testamentaria para que Galicia viva", X. Ramón Brea Rei

É a vontade deste testador que, xunto coa casa familiar da Cortiña Angueira e as hortas, parras e toxeiras que a rodean, os meus fillos Tamara e Lois reciban en herdo a ledicia cantareira do val do Ulla –para nós o Mar Vello- a presenza amiga do castiñeiro do Souto, as corredoiras da veiga e os muíños que aínda ecoan o espírito dos devanceiros.

Pídolles que manteñan o amor pola vida rural, garante do cerne galego: as xuntanzas no quinteiro, o barullo da eira da malla,a fogueira de San Xoán, as romarías, os contos de lareira, o viño a ferver nas tinallas, os hórreos acugulados do amarelo do millo e o aturuxo que reivindica a cultura popular.

Porén, quero engadir como manda final que todo o dito non terá razón de ser sen a fala galega; velaí que antes de me perder no remuíño de sombras, quérolles deixar a alma das cousas, as palabras que nomean e identifican séculos da nosa historia: as que dormen nos vellos pergameos e as que rachan o silencio dos vales ou baten nos cons da Arousa.

Que a lingua vos acompañe a vós e ós vosos descendentes nas alegrías e nos sufrimentos, viva, amorosa, eterna coma as pedras da ermida do Santo Amaro que comparten veciñanza coa casa patrucial.

X.R.B.R., 2008.
I.E.S.“Miguel A. Glez. Estevez”, O Carril (Vilagarcía de Arousa).

2 comentarios:

Galefas dixo...

Recollín esta manda no bloque do ENL do CEIP de Campolongo. É moi bonita, non estaría mal poñer o nome do autor.

Cortiña Angueira dixo...

Pois o autor é X. Ramón Brea, profesor do I.E.S. "Miguel A. Glez. Estévez" O Carril, Vilagarcía de Arousa.
Saúdos