martes, 11 de decembro de 2007

Saúde e Terra

Saúdo recuperado da arca da memoria. Así botaron a andar as nosas "Irmandades da Fala" e así botamos a andar nós, neste outono sen auga, estraño, non lembrado, apocalíptico?.

De fondo, Krahe fala mellor que canta. As entradas de cada tema fan pensar e rir; destilan ironía, retranca da nosa. Mellor os "introitus" que a voz de caverna, con cheiro a alcol e a alguén que ensaia un rictus de estar de volta de todo. E penso que non é así, ou vai ti saber.

A xeito de benvida, un pensamento con ínfulas de ser poesía e que ao mellor si o é. Krahe diría que unha muller sempre ha atopar o que ti non queres que saiba. Ou non, vai ti saber.


CAFÉ NEGRO CON PINGAS DE FUME



Véxote no azul do tinteiro,
hai borranchos na gris textura
do papel de estraza
.

- Como queres o café?

- Azul de día grande e
cargado de tebras, mesto.


- Non debías fumar tanto...

- Así, co ambiente cargado,
paréceme que te quero máis.


- Poema e muller son o mesmo.

- Deixa de filosofías. Respírame
no fume, no café cargado.

Ningún comentario: